ALCALDÍA

O alcalde fai un chamamento á implicación do sector privado para salvar o Santiago Futsal

09/12/2015 O alcalde recibiu esta mañá ao presidente do Santiago Futsal, Ramón García, e ao director xeral do club, Miguel Fernández, para coñecer de primeira man a delicada situación económica pola que atravesa o equipo. Na xuntanza tamén participou a concelleira de Deporte, Noa Morales.

Os responsables do Santiago Futsal explicáronlle a Martiño Noriega que precisan reunir case 150.000 euros antes de mediados da semana que vén, se queren seguir competindo na división de honra do fútbol sala. De non reunir esa cantidade, Ramón García reiterou que o equipo xogará o seu último partido o venres 18, contra o Jaén.

O alcalde agradeceu o traballo que a actual xunta directiva do Futsal leva desenvolvendo nos últimos catro anos, "para mudar unha situación que era límite". Martiño Noriega sinalou a vontade do Concello de colaborar co club "facendo unha chamada a buscar a participación da iniciativa privada para garantir a supervivencia do Santiago Futsal, non só agora, senón dunha maneira estable e a longo prazo". En canto á implicación municipal, o rexedor lembrou que o club recibe unha subvención nominativa de 90.000 euros, das máis altas que concede o Concello, "como recoñecemento a un modelo diferenciado no que, ademais de competir na elite, se manteñen as categorías inferiores e se fai canteira".

O presidente do Santiago Futsal sinalou que o debate non está nas axudas institucionais que reciba o equipo, senón "na necesidade de que a cidade faga un esforzo se quere que o equipo siga na división de honra do fútbol sala, porque o Santiago Futsal é patrimonio do conxunto de Compostela e non do Concello nin da xunta directiva". Ramón García agradeceu o acompañamento brindado polo alcalde, porque visibiliza as necesidades do equipo e facilita que a iniciativa privada se implique no seu futuro.

Compartir: