CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra este venres un novo concerto do ciclo dirixido aos máis novos e ás familias a prezos reducidos

09/12/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu 20º aniversario esta temporada, na que está promovendo un maior achegamento da orquestra e a música clásica a novos públicos. Dentro deste propósito creouse o ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, unha serie de seis concertos repartidos ao longo da temporada, nun horario máis accesible para o público familiar e a un prezo reducido. Este venres, 11 de decembro, celebrarase un novo concerto no marco deste ciclo, baixo a batuta do mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 años recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

Nesta actuación repetirase boa parte do concerto de abono da noite anterior. Comezará con fragmentos de A variña máxica da xuventude. Suite nº 2, do compositor inglés Edward Elgar. A continuación, a orquestra interpretará o Dueto concertino para clarinete, fagot, arpa e orquestra de cuerda de Richard Strauss.

A segunda parte do concerto arrancará con On Christmas Night: Marley´s Ghost, de Ralph Vaughan Williams. Logo, os músicos achegarán ao público Ave María, de Francisco Ibáñez Irribarria. Seguiralle a canción popular galega "Vinde picariñas", orquestrada polo mestre Antoni Ros Marbà, e fragmentos do primeiro acto de O Crebanoces, de Chaikovski. En todas estas obras, a RFG acompañará á Escolanía da Catedral de Santiago, un dos coros con máis historia de Compostela, integrado por uns 25 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

Novas citas para nenos, mozos e familias
Este é o terceiro concerto da temporada que se celebra dentro do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Os dous anteriores tiveron un grande éxito de público novo e familiar. A seguinte cita será o 13 de febreiro, data na que a RFG e a Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Santiago celebrarán un concerto conxunto. O 13 de maio, xunto ao Orfeón Terra A Nosa e as sopranos Cecilia Rodríguez-Morán e Ingriga Gápová, os músicos interpretarán unha selección de O soño dunha noite de verán, de Mendelssohn. Por último, o 4 de xuño, a orquestra tocará no Parque Eugenio Granell unha obra do galego Octavio Vázquez, con acompañamento da gaiteira Cristina Pato.

Compartir: