ALCALDÍA

Martiño Noriega recibe aos impulsores do proxecto Compostela Transparente

09/12/2015 O alcalde, Martiño Noriega, recibiu esta mañá aos representantes das entidades civís que veñen de impulsar o proxecto Compostela Transparente, co obxectivo de "defender o dereito a saber dos cidadáns". Na reunión participaron Marisa González, membro da directiva do Ateneo de Santiago; Delmiro Prieto, da Fundación Santiago Centro; Javier Otero Llovo, presidente da Acción Cívico Solidaria; María Teresa Bermúdez de la Puente, vicepresidenta da Acción Cívica Solidaria; e José Francisco Rodil, vicepresidente da Asociación de Periodistas de Santiago.

Os membros de Compostela Transparente trasladáronlle ao alcalde a súa preocupación polos inconvenientes que se poidan presentar ante a inmediata entrada en vigor da Lei de Transparencia, que pretende facilitar aos cidadáns o control e coñecemento das institucións. Tamén lle deron conta a Martiño Noriega da creación do Grupo de Control da Transparencia, que seguirá de preto o proceso de transparencia municipal.

Na reunión, o alcalde amosou a súa vontade e a do seu Goberno de conseguir unha "Compostela transparente", que facilite que os cidadáns avalíen a xestión dos seus representantes políticos.

Compartir: