ESPAZOS CIDADÁNS

Alta participación nos traballos previos á elaboración da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible

09/12/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns deu conta este mércores dos resultados dos grupos de traballo e das enquisas que o seu departamento puxo en marcha co obxectivo de elaborar, de forma participada, unha Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible 2014-2020. Jorge Duarte amosou a súa satisfacción pola boa resposta que está a ter este procedemento, tanto polos expertos convocados polo Concello como pola cidadanía en xeral.

O edil informou das conclusións do encontro celebrado o pasado día 2 no Auditorio de Galicia, no que participaron representantes do Goberno local, dos tres grupos da oposición, de colectivos veciñais e de empresarios, da Universidade e do Consorcio, entre outros. A mesa era a continuación da que tivo lugar en novembro, coa presenza, ademais deses colectivos, de representantes dos concellos da comarca de Santiago.

Nun primeiro cuestionario, os participantes nesas mesas de traballo avaliaron e priorizaron as actuacións a levar a cabo dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e en distintas áreas temáticas. Así, no campo da Área Urbana, sinalaron como primeiro obxectivo a "definición e creación da estrutura de gobernanza da área urbana, a través de entidades como consorcios, áreas metropolitanas ou mancomunidades, tendo en conta a opinión da cidadanía". En segundo lugar, os expertos consideraron prioritario "fomentar unha rede urbana policéntrica, que equilibre o centro cos barrio se os núcleos rurais", e sinalaron como terceiro obxectivo a "planificación integral de toda a área urbana, máis alá dos límites administrativos físicos, tendo en conta ase videntes relacións funcionais entre os barrios de Santiago, Ames, Brión, Oroso e Teo".

Na área do Medio Ambiente, as mesas de traballo concluíron que o primeiro obxectivo debe ser "a planificación integrada dos recursos ambientais, como elementos estruturadores das políticas de xeración dunha cidade sostible". Máis alá diso, outras prioridades citadas polos expertos foron o fomento da marca Santiago no que ten que ver cos espazos libres públicos, a divulgación do patrimonio natural da área urbana, e a mellora das relacións do centro urbano co medio rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños das parroquia se evitar o seu abandono.

A terceira área temática sobre a que se debateu nas mesas de traballo foi a da Mobilidade. Neste eido, sinalouse como prioritaria a "planificación dos modos de mobilidade da área urbana, con especial atención ao centro histórico". Tamén se apostou porque a Estratexia para o Desenvolvemento Urbano Sostible planifique de forma integrada as conexións entre aeroporto, estación de autobuses, estación de tren e buses urbanos, fomentando a cultura dos transbordos, e porque potencie os recorridos peonís relacionados cos Camiños de Santiago e cos corredores verdes.

No campo do Turismo, os participantes nas mesas de traballo amosaron o seu desexo de que se fomenten novos atractivos turísticos, máis alá da Catedral e do Camiño. Nesa liña, a EIDUS deberá contemplar modelos de turismo sostible medioambientalmente, economicamente e socialmente, que fomente o binomio patrimonio natural-patrimonio cultural, e que teña en conta o mercado turístico intelixente (Smart Turismo).

Por último, no que ten que ver coa área temática do Patrimonio, os obxectivos prioritarios serán "a recuperación do resto de nodos de sistema urbano policéntrico: centro-barrios-núcleos rurais", o "deseño integrado de actuacións públicas que teñan como finalidade a posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial", e o "desenvolvemento da chamada economía laranxa, baseada nas industrias e empresas creativas, que relacionen o patrimonio construído co seu territorio base".

Accións sociais, de gobernanza e de emprego
Nun segundo cuestionario, nas mesas de traballo convocadas pola Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade avaliáronse as prioridades relacionadas coas accións sociais, de gobernanza e marco competencial e de emprego, que tamén se van incluír na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible.

No ámbito Social fíxase como primeiro obxectivo o "estudo de mecanismos que favoreza na comunicación e o traslado dos problemas dos distintos grupos sociais aos organismos que poden actuar sobre eles". Outras prioridades sinaladas polos expertos son a concienciación socia len relación ás decisións políticas adoptadas para emprender accións de desenvolvemento urbano sostible, e as políticas para fixar habitantes no concello (plans de fomento da natalidade, medidas de conciliación...).

En canto á Gobernanza e marco competencial, as prioridades deben ser a mellora da coordinación interadministrativa, o fomento do acceso á información a través da web municipal e a adaptación do papel do Consorcio ás novas esixencias.

Por último, no campo do Emprego os expertos sinalaron que a prioridade debe ser transformar o emprego local para facelo máis inclusivo a través da contratación directa do Concello e da compra pública ética, simplificar os trámites administrativos para o inicio das actividades empresariais, poñer en marcha itinerarios de inserción laboral personalizados, reforzar o tecido empresarial e fomentar o emprendemento, con especial protagonismo da economía social.

Enquisas cidadás
Ademais das mesas de traballos con expertos, a Concellaría de Espazos Cidadáns puxo en marcha unhas enquisas on line, para facilitar a participación da veciñanza no proceso de elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible. Un total de 643 persoas, a maioría residentes e traballadores, cubriron os cuestionarios, que incluían preguntas sobre as mesmas áreas analizadas nas mesas de traballo con expertos. As respostas están a ser analizadas, e tamén serán tidas en conta para incorporalas á Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible.

Axudas europeas de ata 15 millóns de euros
A participación pública é considerada como un elemento clave na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, e o éxito desta consulta será tido en conta polos responsables do Programa FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020, que lles permitirá aos concellos seguir accedendo a un importante volume de axudas europeas. Os municipios de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Compostela, poderán optar a subvencións de ata 15 millóns de euros.

Esta convocatoria diríxese á elaboración de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sostible cunha visión de longo prazo, e non a actuacións ou operacións específicas. Unha vez aprobada, definiranse os proxectos concretos que serán financiados cos fondos FEDER.

O Programa de Crecemento Sostible 2014-2020, xestionado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, prevé repartir entre os concellos máis de mil millóns de euros dos fondos europeos FEDER. Esa cifra debe servir para cofinanciar estratexias de desenvolvemento urbano integrado e sostible.

Compartir: