EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello de Santiago celebrará o Día Internacional dos Dereitos Humanos cun acto conmemorativo no Auditorio Abanca

09/12/2015 Este xoves,10 de decembro, celébrase o Día Universal dos Dereitos Humanos, e o Concello de Compostela vaise sumar á conmemoración cun programa de actividades deseñado pola Concellaría de Educación e Cidadanía.

O acto central da celebración terá lugar no Auditorio Abanca, na rúa do Preguntoiro. Será unha lectura pública ininterrompida dos 30 artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos asinada hai 67 anos, da súa introdución e dun manifesto.

Sumaranse a este evento o alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; 200 alumnos e alumnas de centros públicos e concertados da cidade; asociacións non gubernamentais e entidades que traballan na defensa dos dereitos humanos. O Concello de Santiago quere invitar a toda a veciñanza a que participe deste acto conmemorativo, que estará amenizado con música e coa participación do contacontos Celso Sanmartín.

30 anos do Seminario Galego de Educación para a Paz
A maiores deste acto, o Concello colabora co Seminario Galego de Educación para a Paz na celebración do seu 30º aniversario. A organización desenvolverá os días 11 e 12 de decembro, nas instalacións de Abanca na praza de Cervantes, unhas xornadas sobre Cultura de paz, seguridade e desarmamento. A conferencia inaugural correrá a cargo de Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da UNESCO.

No marco das xornadas, presentarase, por primeira vez en Galicia, o Plan de Paz e Convivencia do Goberno Vasco, nunha charla que correrá a cargo de Carlos Fonseca, secretario de Paz e Convivencia do Goberno Vasco. Tamén participará o alcalde de Rivas Vaciamadrid, Pedro del Cura, como vicepresidente da Rede Internacional Alcaldes pola Paz.

As xornadas do 30º aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz completaranse con varias mesas redondas sobre "Paz, seguridade e conflitos armados", "Paz, desenvolvemento e seguridade humana", "Desarmamento e desmilitarización para a paz", e "Armas, mulleres, paz e seguridade".

Compartir: