CONSORCIO

Catro músicos de renome internacional formarán a novos talentos galegos en percusión, óboe, violoncello e trompeta

09/12/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza de catro grandes músicos que darán clases de percusión, óboe, violoncello e trompeta.

Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense para músicos externos ao centro 7 prazas para asistir ás sesións de percusión, 9 para as de violoncello, 12 para as de trompeta e 10 para as de óboe. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

O percusionista madrileño Iñaki Martín impartirá clases os días 14 e 15 de decembro. Tras realizar colaboracións con diversas orquestras españolas, forma parte da Real Orquestra Sinfónica de Sevilla dende a súa fundación, en 1991.

A violoncellista Suzana Stefanovic dará clases os días 14, 15 e 16 de decembro. Toca un violoncello de 1827. Naceu en Belgrado e leva preto de 20 anos como solista da Orquestra de Radio Televisión Española. Dende os inicios da súa carreira musical, que comezou aos sete anos de idade, ten gañado numerosos premios. Toca coas orquestras máis prestixiosas do mundo e baixo a batuta dos mellores directores.

As sesións co trompetista de orixe francesa David Llavata terán lugar os días 15, 16 e 17 de decembro. Comezou os seus estudos musicais en Valencia e continuou a súa formación en Francia. Ten impartido cursos en conservatorios de toda España. Dende 1993 é trompeta solista da Orquestra Filharmónica de Málaga.

Pola súa parte, o oboísta francés Philippe Tondre ofrecerá clases maxistrais os días 17 e 18 de decembro. Tocou como solista nas principais orquestras europeas e foi premiado en todas as competicións internacionais para o seu instrumento.

Compartir: