ACCIÓN CULTURAL

Abrapalabra presenta "As do peixe", unha comedia de Cándido Pazó, no Principal

09/12/2015 A compañía Abrapalabra Creacións Escénicas ofrecerá no Teatro Principal dúas funcións de As do peixe, unha comedia con texto orixinal de Cándido Pazó. Será este mércores 9 e de novo o xoves 10, ás 20:30 horas, dentro da programación de teatro da Concellaría de Acción Cultural.

Dirixida por Cristina Domínguez da Pena, e con escenografía de Carlos Alonso, a obra está protagonizada polas actrices Mónica Caamaño, Rocío González, Susana Dans e Casilda Alfaro. As entradas teñen un prezo de 10 euros (7 € no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 e en entradas.abanca.com

As do peixe é unha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta e contada desde o momento actual .

Catro mulleres, Conchi, Begoña, Lisa e Tere, reúnense periodicamente nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras. Aquí tratan de relembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, logo de que a fábrica de conservas máis importante da vila pechara, despois de moitas loitas e desenganos, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo. A súa historia, e a de moitas outras mulleres das vilas mariñeiras que quedaron sen traballo, amosan unha realidade: o derrube dunha economía e dun xeito de vivir.

Compartir: