ACCIÓN CULTURAL

O alcalde recolle no Culturgal o Premio do Público ao festival Curtocircuíto

06/12/2015 O alcalde compostelán foi o encargado de recoller esta tarde, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o Premio do Público Culturgal 2015, que recaeu no festival Curtocircuíto. Martiño Noriega agradeceu o recoñecemento para o festival, "que nas súas doce edicións soubo medrar e consolidarse sen perder a súa vontade de darlle ao cinema en formato curto a importancia cultural que ten". O rexedor tamén gabou o traballo que fixeron o primeiro director de Curtocircuíto, Tim Redford, e o actual, Pela del Álamo.

Despois de doce edicións, Curtocircuíto atravesa un momento de expansión, e así quedou de manifesto na última entrega, no pasado mes de novembro. Desta volta, o festival ampliouse a novos espazos de Compostela e volveu incluír numerosas actividades no seu programa máis alá das proxeccións, como concertos ou obradoiros formativos. A súa sección RADAR foi novamente un escaparate do máis destacado do cine internacional, e na súa sección Planeta GZ, Curtocircuíto permitiunos ver os mellores traballos feitos en Galicia.

Por todo iso, Curtocircuíto mereceu o Premio do Público Culturgal. O festival impúxose con 1.182 votos dos internautas, superando á Mostra Internacional de Ribadavia, con 1.048. Menos apoios, 266, recibiu o equipo de Sinsalaudio, responsable do Festival Sinsal Son Estrella Galicia.

Compartir: