CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras na igrexa de San Fiz, centradas na limpeza da fachada e do campanario

04/12/2015 O Consorcio de Santiago interveu na fachada e no campanario da igrexa de San Fiz de Solovio. A obra, que se executou no prazo dun mes, cun orzamento global de 16.520,75 euros, realizouna a empresa TECHNE Conservación y Restauración de Bienes Culturales.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio que coordinou este proxecto é Ángel Panero. Explica que "na fachada e no campanario da igrexa, realizados en sillería de granito, proliferaban diferentes elementos vexetais debido á natural acción do tempo, situación agravada pola falta de uso e de mantemento cotián e que lamentablemente ten o monumento. Aínda que non se apreciaban danos provocados polas raíces nos muros, era necesario retirar toda esa vexetación e limpar a pedra".

Durante a limpeza, que se realizou por medios manuais, empregáronse produtos biocidas con fin de intensificar a efectividade da actuación e retardar a proliferación de elementos vexetais no futuro. E unha vez rematada a limpeza, durante a cal se eliminaron todos os rexuntados deteriorados, levouse a cabo un rexuntado naquelas xuntas que o requirían.

Ademais, realizáronse tarefas de mantemento de carpinterías e reixas presentes na fachada, co obxecto de garantir a debida protección e, polo tanto, a durabilidade destes elementos construtivos. As reixas lixáronse e elimináronse as pinturas deterioradas, para rematar co seu pintado. No caso das carpinterías, repuxéronse os elementos de madeira que estaban deteriorados, afianzáronse as ferraxes e procedeuse ao seu pintado final.

Relevo gótico
Por outro lado, levouse a cabo a limpeza e sentado da cor do relevo gótico policromado que destaca na portada de acceso á igrexa. Esculpido polo mestre F. Paris no ano 1316, representa a Adoración dos Reis Magos e aínda conserva parte da súa policromía orixinal. "Urxe a restauración deste conxunto escultórico medieval, polo que se aproveitou esta actuación para analizar a súa situación e documentar e preparar a información que nun futuro sirva de base para o proxecto de restauración", indica Panero.

Compartir: