XUNTA DE GOBERNO

O Concello duplica a contía das bolsas de comedor escolar para este curso

04/12/2015 A Xunta de Goberno aprobou este venres o expediente de resolución definitiva da convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar para o curso 2015/2016. A contía das axudas viuse incrementada sensiblemente con respecto a anos anteriores, e desta vez acada un total de 165.727,40 euros. Son 78.000 euros máis que no curso 2014/2015, e 96.000 euros máis que no curso 2013/2014.

En concreto, concedéronse 217 bolsas asistenciais e 41 bolsas de conciliación, mentres que foron desestimadas 89 solicitudes. As axudas están dirixidas a alumnos de educación primaria obrigatoria, tanto de centros públicos como de privados concertados.

Postos no mercado de Salgueiriños
A Xunta de Goberno tamén adxudicou hoxe, de forma provisoria, 29 autorizacións de venda ambulante para o mercado de Salgueiriños, das 65 dispoñibles. Son, en concreto, unha licenza para pulpería ou elaboración de comida rápida, 2 de churrería, 4 de produtos hortofrutícolas, 3 de artesanía, 9 de xamóns, embutidos e salazóns e 10 de téxtil e calzado.

O executivo tamén lle deu o seu visto bo a unha solicitude da asociación Hostalería Compostela para ampliar nunha hora o horario de peche dos establecementos de hostalería por mor das festas de Nadal. O acordo afecta aos días 18, 19, 24, 25, 26 e 31 de decembro de 2015, e 1, 2 e 5 de xaneiro de 2016.

Outros acordos
Como se vén facendo nas últimas semanas, a Xunta de Goberno levantou o reparo a unha relación da facturas por prestación do subministro de electricidade, por un importe total de 68.866,37 euros. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o Concello leva anos sen sacar a concurso o servizo de subministro eléctrico, e explicou que o Goberno local está traballando nuns novos pregos. O obxectivo é iniciar a licitación no prazo dun mes.

Documentos relacionados



Compartir: