POLÍTICAS SOCIAIS

A campaña Xunt@s Facemos Compostela continúa con dous novos obradoiros artísticos

03/12/2015 No marco da campaña Xunt@s Facemos Compostela, coorganizada polo Concello de Santiago e a Asemblea de Cooperación pola Paz, desenvolveranse dous obradoiros artísticos para integrar e promocionar a interculturalidade nos barrios da cidade, en colaboración con La Taza Lunar.

O primeiro obradoiro artístico leva o nome de "Karibú" e realizarase no CSC de Figueiras o 4 de decembro, no CSC das Fontiñas o vindeiro 11 e no CSC de Vite o 18 de decembro. "Karibú" quere dicir benvida en suajili. O obradoiro quere transmitir a necesidade de darlle a benvida ás persoas migrantes e refuxiadas. O segundo obradoiro artístico leva por nome "Cara Color" e desenvolverase no CSC de Santa Marta o 11 de decembro ás 11:00 e no CSC de Conxo o 19 de decembro ás 11:30 horas. No obradoiro, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, reflexionarase sobre os procesos migratorios a través da pintura e sobre o que significa ter un "pantone de pel" distinto.

Tamén haberá actividades para os e as adolescentes, que conviven nas aulas con alumnado doutras culturas. Con eles e elas debaterase sobre a migración a través da obra de teatro A viaxe de Ana, na que o colectivo 100Tolas presenta os conflitos persoais que supón para unha muller sen papeis facer a súa vida aquí. A obra estará nos IES de Sar, Eduardo Pondal, Antón Fraguas e Xelmírez II.

A campaña Xunt@s Facemos Compostela finalizará co lado máis humano o vindeiro 14 de decembro na Facultade de Políticas, coa presenza en Compostela da refuxiada afgana Nadia Ghulam, que aportará a perspectiva de xénero a todo este proceso.

O programa finalizará cunha aposta pola mediación natural na que se formará a persoas inmigrantes para que poidan converterse en mediadores das súas comunidades e facilitar a integración das persoas que chegan a Galicia, tanto no sistema educativo, como no eido sanitario ou nas propias organizacións do barrio.

En todo este proceso están a participar o Concello de Santiago xunto con entidades e organizacións expertas como a Asemblea de Cooperación Pola Paz, Ecos do Sur, Médicos do Mundo e o resto de entidades que conforman a mesa para as persoas refuxiadas creada polo Departamento de Políticas Sociais.

Compartir: