ALCALDÍA

Os nenos e nenas do CEIP de Vite defenderon nun pleno infantil o seu programa de melloras para o colexio

04/12/2015 Os nenos e nenas de 4ª de Primaria do CEIP de Vite I convertéronse por unhas horas en concelleiros e concelleiras nun pleno infantil monográfico sobre as melloras que precisa este centro escolar. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pasou a saudar os rapaces e a explicarlles o funcionamento habitual do pleno antes de que estes comezaran o seu intenso debate programático.

O ocasional alcalde encargouse de moderar un debate plenario no que os nenos e nenas defenderon os programas dos seus respectivos equipos, en forma de partidos políticos e coas súas siglas. Entre as propostas dos alumnos figuraron as de máis profesorado para os rapaces con necesidades especiais, arranxos nos aseos, a ampliación do salón de actos, o pintado da pista e a mellora dos accesos e do equipamento do pavillón polideportivo ou máis materiais (debuxo, xoguetes, libros…).

Este pleno infantil veu a completar a formación que durante estes días recibiron os alumnos e alumnas do CEIP de Vite sobre a organización das sociedades, a organización territorial e a política. Os escolares realizaron a súa propia campaña electoral, con carteis, debates electorais e propostas programáticas para mellorar o colexio. Despois dunhas reñidas eleccións, o partido gañador foi Vite Nenos.

Compartir: