DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello fará unha segunda edición de Consumo Conxo | Conxo Consume para responder á demanda do barrio

03/12/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, anunciou que a acción Consumo Conxo | Conxo Consume contará no 2016 cunha segunda edición para responder á demanda que houbo por parte de empresarios e comerciantes para participar nas diferentes actividades que se organizaron no barrio nas pasadas semanas.

Marta Lois fixo unha valoración dos primeiros resultados desta acción no restaurante Casa Pajueleira, onde pola noite ía ter lugar un faladoiro aberto a todos os interesados para reflexionar sobre os motivos polos que os compoñentes dun barrio teñen que asociarse e colaborar. A concelleira estivo acompañada dos representantes das asociacións veciñais e comerciais do barrio.

Consumo Conxo | Conxo Consume foi a primeira acción específica do programa Mellorar o talento dos nosos barrios, desenvolvida polo Departamento de Promoción Económica para fomentar o tecido empresarial dos diferentes barrios da cidade. Dende o Concello escolleuse este barrio como o primeiro para levar a cabo este programa polas difícultades especiales que está atravesando debido ás obras no tunel de Conxo.

O programa deseñouse coas asociacións veciñais do barrio, a Asociación de Comerciantes Esperta Conxo e o Concello. Consta de tres partes complementarias: a primeira foi unha sesión conxunta de lanzamento e posta en común, dirixida aos establecementos económicos da contorna. Durante a mesma, os asistentes dialogaron sobre como diferenciar a presenza económica do barrio, como vender máis e mellor e como mellorar a comunicación cos clientes. Esta xornada celebrouse o sábado 28 de novembro no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre.

En segundo lugar, nesta semana teñen lugar dous faladoiros en locais de hostalería abertos a todo o barrio. O primeiro, o martes 1 de decembro, ás 20.30 horas, no restaurante Barrigola, sobre por que consumir no barrio. O segundo, o xoves 3 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa Pajueleira.

Finalmente, entre 1 ao 11 de decembro realizaranse 40 horas de consultoría en negocios do barrio para analizar, diagnosticar e avaliar solucións de mellora nos establecementos que axuden a proxectar unha imaxe individual e grupal máis atractiva do barrio. Precisamente esta acción tivo unha demanda moi alta, que fixo que se cubrirán as vinte prazas previstas e houbese que crear unha lista de espera para locais.

Compartir: