ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música ofrece tres concertos de Nadal para toda a familia

03/12/2015 Este Nadal, a Banda Municipal de Música súmase á variada programación destas datas cun ciclo de tres concertos destinados á toda a familia e, en particular, ao público infantil. O calendario de actuacións –os domingos 13 e 20 de decembro e 3 de xaneiro- foi presentado en rolda de prensa polo director da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, acompañado pola cantante Uxía Senlle; o director do coro Cantorum Compostellana Coniunctio, Anxo Abel; e o director da Banda de Gaitas de Forcarei, José Antonio Vidueiros, todos eles participantes no "Concerto de Nadal", a segunda das citas.

O ciclo comezará o domingo 13 de decembro, ás 12:30 horas, no Teatro Principal, cun concerto titulado "Conto de Nadal". Trátase dunha adaptación do celebérrimo conto de Charles Dickens a cargo da contacontos Paula Carballeira, que exercerá de narradora e de fío condutor das interpretacións musicais da Banda.

A formación dirixida por Juan Miguel Romero interpretará neste concerto coñecidos fragmentos de obras como Peer Gynt, de Edvard Grieg; Los Planetas e Suite nº 1, de Gustav Holst; Cadros dunha exposición, de Modest Músorgski; ou Sinfonía do novo mundo, de Antonin Dvorák. Tamén soarán, entre outras pezas, o Carmina Burana, de Carl Orff, e a Marcha Radetzky, de Johann Strauss.

Concerto de Nadal
O segundo dos concertos, o domingo 20 de decembro, trasládase ao Auditorio de Galicia e comezará ás 12:00 horas. Neste "Concerto de Nadal", a Banda Municipal estará acompañada polo Cantorum Compostellana Coniunctio, dirixido por Anxo Abel e formado por 150 coralistas pertencentes ás 13 agrupacións corais da cidade. Tamén participará como convidada a Banda de Gaitas de Forcarei, dirixida por José Antonio Vidueiros e formada por 20 gaiteiros que, a maiores, virán acompañados polo grupo de baile tradicional Xirandola, de Bandeira. E como solista, o público poderá gozar da voz de Uxía Senlle.

Este elenco de excepción, formado por máis de 200 persoas, interpretará un programa eminentemente galego, con pezas tan coñecidas e tan propias do Nadal como "Paxariños que voades", "Vinde picariñas", "Mariñeiro", "Pequena meiga", "Loliña", "Unha noite na eira do trigo" ou "Toca o pandeiro Manuel". O concerto completarase con outras coñecidas panxoliñas de compositores internacionais. Ademais, como fin de festa, haberá sorpresas, que non se desvelaron na rolda de prensa.

Concerto de Reis
O Ciclo de Nadal da Banda Municipal de Música completarase o domingo 3 de xaneiro co "Concerto de Reis". De volta no Teatro Principal, ás 12:30 horas, a formación estará acompañada no escenario polo coro de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música. Xuntos interpretarán "Canto de berce para unha princesa negra", de A. Rodríguez (arranxos de J.L. Represas); "Vois sur ton chemin", de C. Barratier e B. Colais (arranxos de J.L. Represas) e "Mary Poppins", de Sherman & Sherman (arranxos de A. Reed).

O concerto completarase con: "Magic overture", de T. Doss; "El Mago de Oz", de J. Barnes; "Sleigh ride", de L. Anderson: "A syncopated clock", de L. Anderson; e "Disney espectacular", de J. Moss.

De balde
Os dous concertos do Teatro Principal son de entrada libre previa retirada de invitacións neste mesmo recinto. As do "Conto de Nadal" estarán dispoñibles dende este xoves 3 de decembro, e as do "Concerto de Reis" dende o luns 28 de decembro. O "Concerto de Reis" do Auditorio de Galicia é de entrada libre ata completar aforo.

Documentos relacionados



Compartir: