CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrece esta semana dous concertos didácticos para colexios

01/12/2015 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos didácticos para estudantes de primaria e secundaria, o primeiro este mércores e o segundo o xoves. Ambas citas terán lugar ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia. Dirixirá a orquestra o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG.

A través destes concertos didácticos, a Real Filharmonía de Galicia buscar achegar a música clásica aos máis pequenos dun xeito ameno, próximo e divertido. Nesta liña, a orquestra ten programadas en cada temporada varias actuacións con este propósito.

Os concertos para escolares desta semana comezarán coa obra Minueto, do italiano Luigi Boccherini (1743-1805), afincado en España dende os 25 anos, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira como compositor. No momento en que Boccherini compuxo esta peza estaba a traballar para o seu mecenas, o infante don Luis de Borbón, irmán do rei Carlos III de España, e xa levaba escribindo cuartetos durante uns dez anos. O minué ou minueto é unha antiga danza cortesá francesa que tivo unha gran difusión nos tempos de Luis XIV, nos séculos XVII e XVIII.

Serenata de Mozart
Os músicos interpretarán ademais unha selección da Serenata nº 9 "Posthorn", do austriaco Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791). O manuscrito desta serenata data de 1779 e suxire que foi composta para as cerimonias anuais de gradación da Universidade de Salzburgo.

A orixe da serenata atópase nas baladas que os namorados entoaban ao atardecer fronte ás fiestras das súas amadas cando non saíra algo ben na relación. Esta obra leva o sobrenome de "Posthorn", en referencia a un instrumento similar a unha trompa ou corneta de forma cilíndrica, feito con cobre ou latón, que se empregaba para anunciar a chegada dos transportes postais durante os séculos XVIII e XIX.

Compartir: