ACCIÓN CULTURAL

"Right Now, Wrong Then", mellor película e actor en Locarno, este sábado en Cineuropa

27/11/2015 Hong Sang-Soo xa gañara en 2013 o Leopardo de Ouro á Mellor Dirección por Our Sunhi. Nesta ocasión, o premio acadado en Locarno foi o Leopardo á Mellor Película e o premio á Mellor Interpretación Masculina para Jung Jae-Young. Right Now, Wrong Then, que se atopa entre o máis sensible e divertido da notable carreira do cineasta surcoreano, narra dúas variacións dunha mesma historia, a relación entre un director de cinema e unha solitaria pintora. Emotiva e moi disfrutable, estrearase ás 21:30 h no Teatro Principal.

No Salón Teatro, ás 22:00 h, proxectarase novamente Me quedo contigo, filme do mexicano Artemio Narro soamente proxectado no maratón. Trátase dunha aparentemente frívola historia de despedidas de solteira que devén en violencia extrema. Cinema salvaxe e altamente recomendable. A continuación, ás 00:00 h no mesmo Teatro, pasarase The Final Girls, de Todd Strauss-Schulson, mellor guión e Premio Especial do Xurado no festival de Sitges, unha delirante volta de torca aos slasher ochenteiros.

No Teatro Principal haberá nova oportunidade de asistir aos pases de Bakemono no Ko (The Boy and the Beast), de Mamoru Hosoda (ás 17:30 h); Desde allá, de Lorenzo Vigas (19:45 h); e Cemetery of Splendour, de Apichatpong Weerasethakul (23:30 h). Pola súa banda, no Salón Teatro, tamén se poderá asistir a novas proxeccións de El Rey de La Habana, de Agustí Villaronga (16:00 h); Paulina (La Patota), de Santiago Mitre (18:15 h), e Francofonia, de Alexander Sokurov (ás 20:15 h).

Direccións relacionadas



Compartir: