ACCIÓN CULTURAL

Últimas citas este domingo coa programación familiar "12 doces de outono"

27/11/2015 A Concellaría de Acción Cultural conclúe este domingo, 29 de novembro, a programación 12 doces do outono. Serán tres novas achegas escénicas para público familiar combinadas coa degustación, ao remate das funcións, de doces do outono elaborados nos propios centros socioculturais polos veciños nos obradoiros previos. A entrada aos espectáculos é de balde, suxeita á capacidade das salas.

O calendario deste domingo arranca no Centro Sociocultural do Ensanche cos Contos de nenas que poden cambiar o mundo, unha selección de contos de diferentes tradicións culturais contados por Paula Carballeira. Será ás 12:30 horas.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas e no Centro Sociocultural da Rocha, estará María Ortiz, quen contará as historias de Violeta e a súa avoa, nunha proposta titulada Cores.

Á mesma hora, pero no Centro Sociocultural da Gracia, poderá asistirse ao espectáculo O nubinete e o paraugas Dameaugas, de Anxo Moure. Un patinete e un truel vai recollendo os contos que esvaran das orellas dos nenos, para despois cociñalos e contalos. Contos sobre bosques, nubes e ríos que temos cerca de nós.

Compartir: