ACCIÓN CULTURAL

O director Fernando Colomo presenta a súa "Isla Bonita" en Cineuropa

23/11/2015 Este martes, Cineuropa recibe a visita de Fernando Colomo para presentar o seu novo traballo, Isla Bonita, a historia dun director en horas baixas convidado por un amigo á súa casa en Menorca. Trátase dun máis que probable autorretrato certeiro, honesto e refrescante. Realizada cun orzamento mínimo, deixa unha ampla marxe para a improvisación dos actores, moitos deles non profesionais que, a pesar diso, protagonizan hilarantes diálogos sobre o amor ou a arte. A cita con Colomo terá lugar ás 20:45 h no Salón Teatro.

Francofonia, de Alexander Sokurov (ás 21:45 h no Teatro Principal), é unha das películas máis esperadas do ano. De carácter histórico pero cargada de ironía e Napoleóns parlantes, mostra o museo do Louvre como nexo entre pasado e presente da cultura europea. Sokurov atopa nela o vehículo perfecto para enxalzar a grandeza da alma rusa, criticar solapadamente a Angela Merkel, e mostrar o colaboracionismo entre Francia e Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial.

Chronic, a terceira longametraxe de Michel Franco, estrearase ás 17:45 h no Teatro Principal. O mexicano utiliza a un coidador de enfermos terminais para crear unha crónica sobre a desolación e a dor de múltiples lecturas, que obtivo o premio ao mellor guión no pasado Festival de Cannes.

Esta tarde, ás 16:00 h, estrearanse tamén dous interesantes documentais de carácter social. Flotel Europa, de Vladimir Tomic (no Salón Teatro), narra a surrealista situación dun barco cargado de refuxiados da guerra de Bosnia en 1992, convertido en fogar para os seus ocupantes durante os dous anos que pasaron nas costas danesas á espera de resolución para as súas solicitudes de asilo. Pola súa banda, Mi querida España, documental de Mercedes Moncada Rodríguez programado no Teatro Principal, analiza a nosa historia recente a través do inxente arquivo do xornalista Jesús Quintero. Altamente recomendable.

Ás doce da mañá haberá pase matinal no Teatro Principal con Asesinato en el Comité Central, tributo ao recentemente falecido Vicente Aranda. Ao longo do día, poderase asistir a unha nova proxección de Peace to us in our Dreams, de Sharunas Bartas (Principal ás 0:00 h); e ás últimas de Trois Souvenirs de ma Jeunesse, de Arnaud Desplechin (Teatro Principal ás 21:45 h); The Here After, de Magnus von Horn (Salón Teatro ás 17:15 h); The Duke of Burgundy, de Peter Strickland (Salón Teatro ás 19:00 h); Demon, de Marcin Wrona (Salón Teatro ás 23:00 h) e A próxima vez dispararei ao corazón, de Cédric Anger (no Salón Teatro ás 00:45 h). A programación deste martes completarase con tres películas do ciclo Roxos e Marcianos: a caza de bruxas en Hollywood que se proxectarán na sede Afundación.

Direccións relacionadas



Compartir: