TURISMO

Marta Lois participou na Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio

19/11/2015 A sede da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) acolleu este xoves a xuntanza da Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A concelleira de Turismo, Marta Lois, participou na reunión xunto con edís das outras 14 cidades da rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

A Comisión de Turismo do Grupo é a encargada de planificar e xestionar a estratexia de promoción nacional e internacional da oferta turística conxunta das 15 cidades españolas incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, como produto diferenciado baseado no Patrimonio e a Cultura.

Na reunión da Comisión, a segunda celebrada tras a constitución o pasado mes de xuño das novas Corporacións, fíxose un repaso ás distintas accións que se veñen desenvolvendo no campo da comunicación e da promoción, e concretáronse as que terán lugar nos últimos meses do ano:

Comunicación

- Campaña de publicidade para o mercado nacional en diversos soportes.

- Elaboración de guías informativas sobre as 15 cidades pola Organización de Consumidores e Usuarios, a nova Guía de Turismo en Familia nas Cidades Patrimonio e a reedición da Guía Espasa/Planeta.

- Produción de novas aplicacións e páxina web coa oferta de Turismo Accesible das 15 cidades realizadas pola Fundación Orange e PREDIF, que se presentarán proximamente.

- Presentación da colección de moedas da FNMT dedicada ás 15 Cidades Patrimonio o próximo 24 de novembro na Real Casa de Moeda de Segovia.

- Presentación da oferta turística do Grupo ao sector profesional no País Vasco, no Museo de Belas Artes de Bilbao, o 1 de decembro.

Promoción

- Presentacións en mercado de orixe das 15 Cidades na India (Mumbai e Delhi) e Val de Napa (California, Estados Unidos), en outubro e novembro.

- Viaxes de familiarización para xornalistas e turoperadores que nesta semanas están a visitar Tarragona, Córdoba, Baeza, Úbeda, e Santiago de Compostela, organizados en colaboración con Turespaña.

A Comisión acordou tamén a presenza conxunta en FITUR 2016 a través da promoción Pasaporte Cidades Patrimonio, que consistirá nun certame para o público visitante da feira, ao que se convidará a percorrer as casetas das 15 Cidades para selar un Pasaporte e no que poderán conseguir como premio pernoctacións e ceas en varios Paradores das Cidades, así como unha visita guiada ao Museo Thyssen de Madrid.

Ademais, acordouse elevar á Comisión Executiva do Grupo os novos convenios de colaboración para 2016 entre a rede e Turespaña, Paradores, Museo Thyssen de Madrid e a Organización de Consumidores e Usuarios.

Por último, a Comisión debateu e analizou o Plan Operativo de Turismo para o ano próximo, que será presentado proximamente á aprobación da Asemblea de Alcaldes, e no que destacan as accións de promoción nacional en Madrid, Barcelona e Málaga, e as internacionais nos mercados asiáticos, europeos e norteamericanos.

Compartir: