ACCIÓN CULTURAL

Estrea en Cineuropa da premiada "La academia de las musas" coa presenza do seu director, José Luis Guerín

19/11/2015 O Teatro Principal acollerá ás 20:00 horas deste venres ao recente gañador do SEFF (Festival de Cine Europeo de Sevilla), José Luis Guerín, e a estrea de La academia de las musas, primeiro filme español galardoado co Giraldillo de Ouro.

Guerín, Premio Cineuropa en 2007, retrata nesta película as contradicións e paixóns da alma humana mediante o debate entre un profesor e os seus alumnos sobre conceptos como o amor, a poesía, a arte ou o desexo. La academia de las musas é unha obra lírica e poética, na que o seu director se atreve tamén a dar renda solta ao sentido do humor.

O primeiro pase de The Assassin, a esperada película do taiwanés Hou Hsiao-Hsien, mellor director en Cannes, terá lugar ás 22:15 h no Teatro Principal. Trátase dunha adaptación postmoderna do xénero wuxia, de rutilante elegancia e beleza formal. Posiblemente unha das mellores películas do ano. Imprescindible.

Ás 18:00 h, no Teatro Principal, estrearase A Royal Night Out, de Julian Jarrold, que narra a excursión clandestina das princesas británicas Isabel e Margarita, a noite do 8 de maio de 1945, para celebrar o remate vitorioso da Segunda Guerra Mundial.

Sparrows, de Rúnar Rúnarsson, outra das estreas internacionais do día, proxectarase no Salón Teatro ás 20:00 h. Concha de Ouro no Festival de San Sebastián, é un sensible retrato dun adolescente que debe convivir cun pai ao que apenas coñece e atopar a forma de ser feliz. Impresionante fotografía e impresionantes localizacións. Fermosa.

Contaremos esta tarde coa presenza doutros directores, como o escritor e cineasta asturiano Ramón Lluís Bande, que acode a debater e presentar o reivindicativo documental El nome das árbores (ás 17:45 h no Salón Teatro); ou as galegas Sabela Igrexas Reviejo e Adriana Pérez Villanueva (Illa Bufarda), que nos ofrecerán a posibilidade de coñecer a orixe de Inditex a través de Fíos Fóra, documental cuxa proxección está programada para as 20:30 h no CGAC.

Hitchcock-Truffaut, de Kent Jones, pasarase de novo no Salón Teatro ás 00:45 h; e poderase asistir por última vez en Cineuropa ás proxeccións de Une jeunesse allemande, de Jean-Gabriel Périot (ás 21:45 h no Salón Teatro) e La loi du marché, de Stéphane Brizé (Salón Teatro ás 23:15 h).

Ás 00:15, no Teatro Principal, dará comezo o maratón de Roxos e Marcianos, composto por curiosas películas de ciencia ficción e serie B nas que se identifican subliminalmente aos comunistas cos habitantes do planeta vermello. A programación da xornada completarase con estes e outros filmes proxectados en catro das cinco sedes desta edición: o Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e sede Afundación, ata completar os 24 títulos.

Direccións relacionadas



Compartir: