MOCIDADE E FACENDA

Cine ao aire libre e accións sobre a violencia de xénero lideran o ranking de propostas do piloto de orzamentos participativos

19/11/2015 O piloto de orzamentos participativos chega á súa última fase, na que os técnicos de Mocidade avaliarán as propostas que obtiveron maior puntuación para comprobar a súa viabilidade executiva e económica.

No total foron 130 persoas as que tiñan dereito a voto nesta fase que remata cunha ordenación de propostas tendo en conta a puntuación de 1 ao 10 dada por cada mozo e moza e a aplicación dos criterios de ponderación recollidos no Regulamento. Dese xeito, as cinco primeiras propostas recibiron máis de 200 puntos, sendo a primeira "Cine ao aire libre nos barrios do Concello: proxección de filmes temáticos que fomenten o pensamento crítico e a educación en valores e encontros cinéfilos" que recibiu 274,74 puntos.

"Violencia de xénero: formación e actividades de concienciación e sensibilización co alumnado dos institutos" foi a proposta que obtivo a segunda mellor puntuación, con 271,95 puntos. A votación fíxose de forma presencial, en tres furnas na Asemblea do venres pasado e mediante internet.

O máis destacado do proceso, que será avaliado polo Grupo Motor e polos técnicos municipais para achegar propostas de mellora, radica na transversalidade das actividades, que non só están relacionadas co área de Mocidade senón que se interrelacionan con outras como Medio Ambiente ou Políticas Sociais. Trátase ademais de propostas dirixidas á mocidade en xeral, como colectividade. Por último, cómpre destacar que neste primeiro piloto de orzamentos participativos houbo unha gran mobilización do movemento asociativo xuvenil, que estivo moi presente durante todo o proceso.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: