MEDIO AMBIENTE

O Goberno local acometerá melloras puntuais para minimizar os problemas de asolagamento en caso de temporal

17/11/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou este martes o resultado do estudo de puntos conflitivos en períodos de fortes choivas, que lle fora encargado a Viaqua despois do temporal que causara importantes asolagamentos a comezos de outubro. O informe foi elaborado en colaboración coa Policía Local e os Bombeiros e, segundo explicou Xan Duro, desvela a existencia de problemas estruturais en toda a cidade e de deficiencias na execución de determinadas obras, que favorecen que se produzan inundacións en caso de fortes chuvias. Só en dous casos puntuais, os asolagamentos son atribuíbles a acumulación de folla caída nos sumidoiros.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia sinalou que os cálculos iniciais falan de que sería preciso un investimento duns 350.000 euros para solucionar os principais problemas. Xan Duro sinalou que é vontade do Goberno local acometer estas actuacións, segundo exista dispoñibilidade orzamentaria.

Puntos conflitivos:

1.-Cruceiro da Coruña: fórmanse balsas de auga pola falta de captacións que a conduzan cara a beira oposta da estrada e, dende aí, ao río Sar. A pendente da estrada e a existencia de mediana dificultan aínda máis a evacuación. A solución pasaría por instalar novas captacións.

2.-Praza de España: existen poucos embornais para lle dar servizo a unha superficie de captación de auga moi grande. Sería necesario instalar novas captacións tipo tragadeira.

3.-Avenida de Lugo: os embornais existentes non teñen capacidade suficiente e a superficie das reixas non é a acaída tendo en conta a pendente da rúa e o número de árbores existentes. A maiores, as canalizacións de auga situadas baixo a rotonda de Concheiros son demasiado estreitas. Considérase necesario instalar novas captacións lonxitudinais na zona, aínda que se entende que a solución definitiva pasaría por ampliar as canalizacións, se ben isto precisaría dun investimento de 400.000 euros.

4.-Rúa Berlín: detéctanse enxurradas recorrentes por dúas causas: a aportación de augas directamente desde o regato que atravesa o Parque do Cotaredo e a falta de captacións suficientes para a cantidade de auga que recolle a propia rúa. A maiores, no seu momento fíxose unha entrada demasiado pequena nun pozo de rexistro, que non é quen de asimilar todo o caudal. Proponse instalar reixas transversais ao longo da rúa e requirir a limpeza do leito do regato.

5.-Rotonda de Área Central: fórmanse bolsas de auga porque as captacións desta zona non están ben ubicadas en función das pendentes da rúa, ademais de que son poucas e pequenas. Proponse a instalación de reixas transversais nas rúas Lisboa e Berlín para evitar a chegada da auga a este punto.

6.-Rúa do Vieiro con Rúa Fontes de Sar: neste punto instalouse unha nova reixa de captación en 2014 que minimizou os episodios de inundacións. Aínda así, a tragadeira segue sen ser suficiente ante moita chuvia. A solución pasa por instalar máis embornais tipo tragadeira.

7.-Rúa das Fontes do Sar: localizáronse dous puntos conflitivos nesta rúa relacionados coa falta de captacións e coa pendente da rotonda entre esta rúa e a avenida Manuel Fraga, que conduce a auga cara o interior da glorieta. Proponse a modificación da pendente da rotonda e/ou a instalación de sumidoiros na súa zona interior.

8.-Rúa de Diego Bernal: faltan captacións na propia rotonda e a súa pendente conduce a auga cara o interior. Habería que modificar a pendente, pero iso afectaríalle a terreos privados.

9.-Rotonda da Avenida Clara Campoamor: fórmanse bolsas de auga porque as captación existentes non están nas localizacións idóneas, de acordo coas pendentes da rotonda. Ademais, a este punto chegan enxurradas procedentes da avenida de Lugo e da rúa Bernardo Barreiro. A solución pasa por instalar novas reixas na glorieta, conectadas coa xa existente.

10.-Avenida do Burgo das Nacións: faltan captacións capaces de conducir a auga que se concentra neste punto ao Corgo do xeito máis directo posible. Ademais, cando o caudal do Corgo é moi alto verte auga directamente á rúa. Proponse a instalación de captacións de maior capacidade e aconséllase estudar a posible modificación da beirarrúa existente na marxe do estanque.

11.-Rúa dos Pelamios: o Concello instalou, en decembro de 2013, tragadeiras na marxe esquerda (en dirección Vista Alegre), e a situación mellorou en grande medida. A última inundación debeuse á presenza de follas que impedían o correcto funcionamento dos sumidoiros.

12.- Cruce das rúas de Entrerríos e Galeras: a canalización das augas do río Corgo non deron abasto para o caudal transportado. Proponse estudar a viabilidade de instalar sumidoiros de seguridade de gran capacidade, conectados directamente mediante unha nova canalización ao regato do Corgo.

13.-Rúa do Carme de Abaixo: os embornais existentes non deron abasto para a gran cantidade caida. Considérase un problema puntual, porque na zona xa se executaron algunhas melloras.

14.-Rúa de San Lourenzo: a pendente da estrada non facilita a evacuación das augas ás fincas da marxe dereita, ao tempo que lle dá moita velocidade á auga. A situación agrávase porque a rede de pluviais do Campus Sur atópase en moi mal estado. A solución sería modificar a pendente da estrada no cruce coa rúa Bidueiro.

15.-Avenida Mestra Vitoria Míguez: os embornais da zona non foron suficientes para recoller a gran cantidade de auga caída tanto na propia rúa como na zona de aparcamentos do CHUS. Aínda que xa se executaron melloras neste ámbito, a canalización podería asumir máis tragadeiras.

16.-Rúa de Frei Rosendo Salvado: neste punto localizouse unha das maiores bolsas de auga na cidade no temporal de outubro. Os motivos teñen que ver coa falta de captacións e a súa mala ubicación, tendo en conta que a este punto chegan as augas de toda a contorna. Sería preciso instalar novas tragadeiras e reixas lonxitudinais.

17.-Rúa da Pastoriza: os sumidoiros están dispostos de forma incorrecta e teñen pouca capacidade. As fochancas existentes agravan a situación. Proponse a pavimentación da rúa de xeito que os sumidoiros queden nos puntos máis deprimidos desta, e tamén a instalación dunha nova tragadeira. Esta actuación xa está contemplada e quedará resolta nos próximos días.

18.-Rúa do Olvido: prodúcense inundacións recorrentes na parte traseira das vivendas, relacionados coa gran cantidade de arrastres de tipo vexetal que chegan ao Regato do Cancelón desde o Parque de Belvís. A reixa sita no punto no que o regato pasa a estar entubado non ten capacidade suficiente. Proponse modificar o tipo de reixa e instar a manter un correcto estado de limpeza na zona.

19.-Aparcadoiro do estadio de San Lázaro: as inundacións teñen que ver coa gran cantidade de árbores existentes na zona de gradas do aparcamento do estadio, cuxas follas caídas atoan as reixas. As inundacións foron puntuais e na zona xa se levaron a cabo melloras.

Documentos relacionados



Compartir: