ACCIÓN CULTURAL

"Mustang", "John From" e "Il Racconto dei Racconti", as estreas do martes en Cineuropa

16/11/2015 No pasado festival de Cannes, a cineasta Dennis Ganze Ergüven conquistou o público con Mustang, cine denuncia de potente mensaxe de emancipación feminina. O filme foi Espiga de Prata na pasada Seminci, mellor película en Sarajevo, premio do público en Sevilla e candidata, xunto a Mediterranea e The Lesson (Urok) ao Premio LUX que outorga o Parlamento europeo. Afora o filme chega a Cineuropa, cunha primeira exhibición este martes 17, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. Logo da proxección abrirase un debate sobre a película.

A historia comeza un cálido verán en Turquía, cando cinco irmás xogan inocentemente con varios mozos, e a mirada dunha sociedade estrita e represiva comeza a cinguirse sobre elas. A vivenda familiar converterase paulatinamente nunha casa de bonecas moi particular, un cárcere psicolóxico en tons pastel que simboliza a súa sentenza: a imposibilidade de madurar libremente e a obriga de respostar a uns requirimentos sociais que anulan ás mulleres como individuos. Todo isto contado e interpretado por mulleres sen indicios de sentimentalismo.

No Salón Teatro ás 22:30 h, estrearase Il Racconto dei Racconti (O conto dos contos), o novo de Matteo Garrone, autor de Sodoma e Reality. Trátase dunha barroca e escura adaptación dos relatos do napolitano Giambattista Basile, protagonizada por actores da talla de Salma Hayek, Vincent Cassel ou John C. Reilly. Case parecería que Il Racconto dei Raconti rompe coa obra anterior de Garrone, pero o certo é que non é así. Segundo José Luis Losa, non deixa de ser "unha poderosa extravagancia entre o conto de fadas, o goticismo e os contos pasolinianos".

Ás 18:15 h, no Teatro Principal, proxectarase dentro da Sección Oficial John From, filme de João Nicolau que se centra no personaxe de Rita, unha rapaza de 15 anos que pasa o verán na cidade, acompañada da súa mellor amiga, imaxinando paraísos lonxanos e descubrindo novos amores. John From é un filme que presenta de xeito sinxelo e sincero esa complicada etapa que é a adolescencia, renega dos estereotipos e reflicte os conflitos xuvenís de xeito positivo, pero sen compracencias, destilando amor polos personaxes.

O Salón Teatro dedicará a meirande parte da súa programación ao Tributo e Retrospectiva de Arturo Ripstein, coas proxeccións de Así es la vida (16:00 h), El Evangelio de las Maravillas (ás 17:30 h), La Reina de la Noche (19:30 h) e El Santo Oficio (00:45 h). Haberá oportunidade de conversar co propio director, xa presente no festival, sobre algún dos seus filmes.

Este martes, proxectarase por segunda vez Taxi Teheran, de Jafar Panahi (no Teatro Principal ás 00:30 h), Oso de Ouro e FIPRESCI na Berlinale; e por última vez no festival, poderase asistir a As Mil e Uma Noites: Volume 3, do premiado Miguel Gomes (Teatro Principal ás 16:00 h.), e a soada The Lobster, premio do Xurado de Cannes (ás 22:00 h no Teatro Principal). A programación do día completarase no CGAC e na sede Afundación, con cine de diferentes seccións e de entrada libre ata completar capacidade.

Direccións relacionadas



Compartir: