LINGUA

O alcalde reivindica o papel histórico de Compostela na normalización do galego

16/11/2015 O alcalde inaugurou esta mañá o Encontro de Política Lingüística Municipal, que organiza a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no Auditorio de Galicia. Na súa intervención, Martiño Noriega reivindicou o papel de Compostela como capital da lingua, "o noso máis prezado ben colectivo, aquilo que nos une como galegas e galegos".

O rexedor lembrou que Santiago, como capital do país, ten que ter iniciativa para abrir novas etapas, tamén no que ten que ver coa lingua. Nese sentido, lembrou a histórica declaración de alcaldes de maio de 1984 onde se marcaron os compromisos da Administración local en materia de lingua, e tamén a constitución, nos anos 2000 e 2001, do Consello Municipal para a Normalización, que iniciou o deseño do que foi o primeiro plano de normalización lingüística dun concello galego.

Nesa liña, Martiño Noriega amosou o seu desexo de que Compostela "volva exercer, igual que neste pasado recente, e abrir as portas da nosa casa para que desde hoxe poidamos traballar, conxuntamente e mancomunadamente, para construír ese novo discurso que o galego precisa". Para o alcalde, é preciso "actualizar o noso entusiasmo, traballar en rede e reforzar a colaboración entre todos os concellos", para ser "esa primeira pedra do novo futuro que queremos construír para a lingua". Noriega insistiu en que "as administracións locais non debemos colocarnos de perfil porque a lingua tamén é da nosa competencia".

Pulo á lingua galega
O Encontro de Política Lingüística Municipal celebrado hoxe tiña como obxectivo actualizar o entusiasmo e o discurso a prol da lingua galega emitido e difundido dende os concellos, activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia. Despois da intervención do alcalde compostelán, tomou a palabra o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, Nel Vidal Barral.

O Encontro continuou cunha primeira mesa de debate, conducida pola xornalista Fernanda Tabarés, na que participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña.

A xornada completouse coas intervencións dos técnicos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Ourense, Pontevedra e Compostela, que puxeron sobre a mesa algúns proxectos colaborativos para o fomento do galego. En concreto, presentaron iniciativas relacionadas cos clubs de debate, para a socialización da infancia en galego e para o fomento de youtubers na nosa lingua.

Documentos relacionados



Compartir: