POLÍTICAS SOCIAIS

En marcha unha campaña de sensibilización sobre as persoas migrantes e refuxiadas

16/11/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou xunto con Lorena Seijo, da Asemblea de Cooperación pola Paz, unha campaña que se porá en marcha nos meses de novembro e decembro para sensibilizar sobre as persoas refuxiadas e migrantes. O obxectivo pasa por utilizar a riqueza e a diversidade cultural dunha forma construtiva, reforzando as imaxes positivas; previr o discurso do odio; garantir o coñecemento por parte da poboación galega sobre os fenómenos migratorios desde un enfoque de dereitos humanos.

Entre as actividades propostas atópanse varios obradoiros nos centros socioculturais para fomentar o coñecemento doutras culturas de forma lúdica: obradoiros de teatro, ciclo de charlas con asociacións veciñais e tecido asociativo sobre realidade intercultural, difusión das actividades do proxecto, deseño dun módulo formativo sobre Mediación Intercultural e unha campaña de rúa de visibilización da poboación estranxeira residente en Santiago.

Obradoiros de teatro
Realizaranse cinco intervencións en total, unha por centro educativo seleccionado. A selección de centros farase conxuntamente coa ACPP e vai dirixida a secundaria. A técnica que se empregará é o Teatro da Oprimida, onde a barreira entre o escenario e a platea é suprimida polo diálogo. Conta unha escena teatral baseada en feitos reais na cal as persoas oprimidas e opresoras entran en conflito, de xeito claro e obxectivo, na defensa dos seus desexos e intereses.

Ciclo de charlas
Organizaranse cinco charlas en espazos de Compostela, das que cando menos tres serán en diferentes barrios da cidade. Para a organización destas contarase coa colaboración das asociacións de veciñais e centros socioculturais co obxectivo de informar á poboación.

Tamén se realizarán outras dúas charlas nun formato máis amplo e destinadas ao público en xeral. Serán con persoas que experimentaron en primeira persoa ben o fenómeno que se está a vivir coa emigración forzada de persoas en Siria, ben que vivira nunha situación de conflito como é a guerra de Afganistán.

O primeiro dos encontros realizarase en novembro, organizándose xunto a Médicos sen Fronteiras, e será con Samir Sayyad, e o segundo con Nadia Ghulam, quen sobreviviu a un ataque con bombas no seu fogar en Afganistán.

Campaña de rúa
Elaborarase unha exposición fotográfica de persoas de orixe estranxeira residentes na nosa cidade co obxectivo de visibilizar as diferentes culturas que conviven na cidade, poñendo en valor as diferenzas e a súa contribución no contexto do municipio.

O Concello, en colaboración co resto das entidades participantes, fará unha selección de persoas representativas, e tras unha sesión fotográfica, editarase unha mostra fotográfica que será exposta nas rúas de Santiago en forma de cartaces e grandes paneis.

Acordaranse os formatos e os espazos máis apropiados para isto, así como os premisos precisos. Deseñaranse cartaces, postais e unha exposición de rúa.

Por último, darase especial importancia á figura do/a Mediador/a Natural, xa que na nosa cidade dispoñemos de persoas de diferentes orixes que coa súa comunidade e de forma espontánea estaban ofrecendo este servizo. Tamén se identificarán persoas de orixe inmigrante que xa estean facendo funcións de acompañamento das súas familias ou dos seus colectivos, pero que necesitan ter unha formación básica en mediación e coñecer en profundidade o sistema educativo, sanitario e administrativo de Galicia para poder axudar da mellor maneira no proceso de integración das persoas estranxeiras.

Compartir: