ALCALDÍA

O Concello mantén o seu compromiso coa Asociación de Municipios do Camiño

14/11/2015 O Concello de Santiago mantén o seu pleno compromiso coa Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, constituída en Burgos o pasado 10 de novembro. Malia non asistir ao acto de presentación da mesma por coincidir coa data inicialmente prevista para o Pleno ordinario de novembro (solicitado para esa data polo PP e finalmente celebrado o 9 a petición do PSOE e rematado ás 18:00 horas) Santiago de Compostela, como unha das cidades promotoras desta Asociación, seguirá participando na mesma e nas súas actividades.

Esta ausencia do Concello no acto de presentación e o compromiso de Santiago coa entidade foron aclarados mediante unha nota informativa pola propia Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. Na mesma indícase que "en honra á verdade, Santiago de Compostela participou dende o seu comezo nesta iniciativa, foi unha das primeiras cidades en aprobar os Estatutos e, como nos indicaron dende o Gabinete da propia Alcaldía, non puideron asistir por coincidir a data de presentación cun Pleno municipal convocado con antelación".

Para a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, "Santiago de Compostela seguiu apostando por formar parte da mesma, é unha das cinco cidades promotoras xunto con Astorga, Burgos, Logroño e Jaca que puxeron en marcha este proxecto, e en ningún momento na Secretaría Técnica tívose coñecemento do rexeitamento ou da non participación no acto de presentación, salvo nesta ocasión por causa maior xustificada".

"En todo momento, dende o Gabinete de Alcaldía tratouse de buscar algunha solución para poder compaxinar ambos os compromisos e que a cidade estivese representada na presentación da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. Esta imposibilidade non exclúe á cidade desta Asociación, continuando nela como un asociado de pleno dereito", afirma a nota remitida pola entidade. "Queremos en xustiza saír ao paso desa información, convencidos de que o Concello de Santiago de Compostela seguirá participando nas próximas reunións e na Asemblea xeral que terá lugar en León no próximo mes de febreiro", engaden.

"Seguimos mantendo na nosa web a cidade de Santiago de Compostela como un dos membros da mesma", conclúe a nota da Asociación, manifestando que "por motivos similares, tamén xustificaron a súa ausencia as poboacións de Melide e Palas de Rei".

Compartir: