ACCIÓN CULTURAL

"A Uma Hora Incerta", "The Duke of Burgundy" e "Body", tres estreas para este domingo no festival Cineuropa

14/11/2015 Cita este domingo en Cineuropa con A Uma Hora Incerta, segunda longametraxe como director do guionista Carlos Saboga, autor dos libretos de Misterios de Lisboa ou Líneas de Wellington, ámbolos dous filmes de Raúl Ruiz. Será ás 16:00 h no Salón Teatro.

Ambientada na Lisboa salazarista de 1942, A Uma Hora Incerta conta dúas historias paralelas, unha centrada en Ilda, a filla adolescente dun inspector de policía, e outra que vira ao redor de dous refuxiados franceses que foxen da guerra. Atraído pola moza francesa, o inspector decide esconder aos dous estranxeiros na súa propia casa, un hotel no que vive coa súa filla, a súa muller enferma e unha criada. Ilda descubrirá aos refuxiados e, consumida polos celos, tentará desfacerse deles. O misterio e a pantasma do incesto sobrevoan unha película de brillante posta en escena, case toda ela rodada en interiores. A Uma Hora Incerta foi producida por Paulo Branco, un dos premiados da pasada edición de Cineuropa.

Ás 21:00 h proxectarase no Salón Teatro The Duke of Burgundy, de Peter Strickland, unha interesante proposta sobre o intercambio de roles entre dúas mulleres que manteñen unha relación sadomasoquista. A atmosfera onde se desenvolve ese amor enfermizo preséntase opresiva e viciada, potenciada por unha suxestiva banda sonora que foi galardoada nos Premios do Cinema Europeo. As interpretacións das protagonistas, Sidse Babett Knudsen e Chiara D'Anna, son maxistrais e os seus personaxes maduros, intelixentes e sedutores, cheos de matices.

Tamén no Salón Teatro, ás 22:45 h, estrearase Body, de Malgorzata Szumowska, que foi galardoada co Oso de Prata ao mellor director no Festival de Berlín. Body céntrase na historia dun pai e unha filla, que somatizan de diferentes xeitos a morte da nai. Olga, a filla, desenvolve anorexia e é levada ante Ana, unha psicóloga que tentará tratar os problemas entre pai e filla, a pesar de que ela mesma esconde os seus propios dramas. A película, melancólica aínda que matizada cun discreto humor negro tendente ao absurdo, convida á reflexión sobre a morte e a importancia da actitude fronte á vida.

Este domingo haberá unha nova oportunidade de ver Une Histoire De Fou, de Robert Guédiguian (ás 18:00 h no Teatro Principal); e a última de asistir nesta edición de Cineuropa aos pases de Queen of Earth, de Alex Ross Perry (Teatro Principal ás 22:45 h); Virgin Mountain, de Dagur Kári (Principal ás 20:30 h); As Mil e Uma Noites: Volume 1, de Miguel Gomes (ás 00:15 h tamén no Principal); She's Funny that Way, de Peter Bogdanovich (ás 17:15 h no Salón Teatro); e The Lesson (Urok) , de Kristina Grozeva e Petar Valchanov, que se proxectará no Salón Teatro ás 19:00 h.

Non faltarán as estreas galegas como Diario de un corto, de Flavia de la Fuente, e Gran Hotel, de Xurxo Chirro, programadas en sesión conxunta a partir das 17:15 h no CGAC. A carteleira deste domingo inclúe outras películas das seccións Ciclo Amos Kollek, Roxos e Marcianos: a caza de bruxas en Hollywood e Retrospectiva: Artur Brauner.

Direccións relacionadas



Compartir: