CONSORCIO

A RFG pon en directo a banda sonora ao filme "A muller lixeira" para conmemorar o 25º aniversario do falecemento de Greta Garbo

10/11/2015 No marco da 29ª edición do festival Cineuropa, este xoves, 12 de novembro, proxectarase o filme A woman of affairs (A muller lixeira), dirixido por Clarence Brown e con música de Carl Davis. Será ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. De maneira simultánea á proxección desta película muda, a Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a banda sonora orixinal, baixo a batuta do director francés Diego Masson.

Este ano conmemórase o 25º aniversario da morte da actriz de orixe sueca Greta Garbo, unha das máis enigmáticas figuras de Hollywood. Faleceu en Nova York o 15 de abril de 1990, aos 84 anos de idade. Retirárase do mundo do cine con apenas 36 anos, cando era a actriz mellor pagada de Hollywood, para fuxir dunha vida pública que, segundo moitos, sempre detestou. As súas interpretacións valeríanlle tres nominacións aos Óscars, galardón que nunca chegou a gañar.

A muller lixeira é un drama romántico de 1928, nominada aos premios Óscar ao "Mellor logro de escritura" en 1929. Narra a historia de Diana (Greta Garbo), Neville e David, tres amigos da infancia. Xa na súa xuventude, Diana e Neville namóranse, pero o pai do rapaz non ve con bos ollos a relación e envíao ao estranxeiro. Neville, ao despedirse de Diana, pídelle que o agarde. Transcorridos dous anos sen ter noticias del, a protagonista acepta casar co outro amigo, David, que resulta ser un delincuente. De viaxe por París, David é sospeitoso dun roubo e ante a chegada da policía decide suicidarse. Diana volve atoparse soa e abandónase á mala vida, buscando a felicidade en brazos de diferentes homes. Cando regresa a casa, reencóntrase co seu antigo amor e os sentimentos entre ambos xorden de novo.

Carl Davis é un músico norteamericano nacido en Nova York en 1936, pero que reside no Reino Unido dende 1961. Ten composto infinidade de bandas sonoras para series e programas da BBC, ten colaborado na orquestración das cancións sinfónicas de Paul McCartney e creado bandas sonoras para multitude de filmes. Pero a súa maior contribución ten sido a composición de bandas sonoras de acompañamento de moitas películas mudas.

Diego Masson na dirección
Diego Masson completou os seus estudos musicais no Conservatorio de París, antes de converterse en percusionista do grupo de música contemporánea Domaine Musicale. Despois dun notable éxito como director musical da Ópera de Marsella nos anos setenta do pasado século, deu un salto na súa carreira como director internacional que o ten levado aos grandes centros musicais de Europa, Escandinavia e as Antípodas.

No Reino Unido dirixiu as principais orquestras e tamén mantén unha relación frecuente cos máis importantes conxuntos contemporáneos de todo o mundo. Traballa con regularidade en Asia e Australia, onde ten dirixido as orquestras de Melbourne e Sidney. E durante moitos anos impartiu clases na Escola Internacional de Verán de Dartington, nos Estados Unidos.

Encontro co público antes do concerto
Antes do inicio desta cita cinéfilo-musical, o director de Cineuropa, José Luis Losa, e o catedrático de Historia do Cine da Universidade de Santiago, Ángel Luis Hueso, manterán unha charla previa co público asistente. Será ás 20:30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: