ACCIÓN CULTURAL

O filme "Son of Saul", Gran Premio do Xurado e Premio FIPRESCI en Cannes, este luns no festival Cineuropa

08/11/2015 A xornada do luns en Cineuropa ofrecerá un total de 15 títulos, entre eles, varias estreas. Destaca Son of Saul, de László Nemes, filme que deslumbrou á crítica na pasada edición de Cannes, onde se fixo co Gran Premio do Xurado e o Premio FIPRESCI.

Son of Saul ofrece unha nova perspectiva sobre o inferno de Auschwitz a través da historia de Saul, un xudeu membro dos Sonderkommando (presos que colaboraban co horror nazi coa esperanza de salvar as súas vidas), que se obsesiona con darlle un enterro digno ao cadáver dun neno. A cámara non se despega do protagonista e a empatía con el é inevitable, mentres que o horror de Auschwitz móstrase desenfocado, obrigándonos a imaxinar o que aquí simplemente se suxire. É unha película dura, moi dura, cuxa fiel translación da realidade dos lager foi encomiada mesmo polo autor de Shoah, Claude Lanzmann, para el un imposible en cinema de ficción que Son of Saul si acada.

Tamén se estrea o documental Invasión, de Abner Benaim, Premio do Público no Festival de Málaga. A película rememora, a través de imaxes e testemuños, a invasión do exército estadounidense a madrugada do 20 de decembro de 1989, cando 27.000 marines americanos tomaron as rúas por orde do George Bush pai, baixo o pretexto de deter ao presidente Manuel Noriega acusado de narcotráfico pola xustiza estadounidense. Invasión proxectarase ás 17:45 h no Teatro Principal.

Unha estrea de menor calado -que non calidade- é Victoria, unha película de Sebastian Schipper maxistralmente rodada nun único plano secuencia e protagonizada pola catalá Laia Costa. Partindo dun comezo lixeiro, próximo a ¡Jo, qué noche!, de Scorsese, no que unha moza española goza da noite berlinesa, o filme devén en asfixiante thriller.

Poderase asistir tamén ao segundo pase de Tell Spring not to come this year, de Saeed Taji Farouky e Michael McEvoy; e aos últimos pases da multipremiada e perturbadora El Club, de Pablo Larraín, e de Le Nouveau, a optimista comedia de Rudi Rosenberg que inagurou o festival, á que o público outorgou unha puntuación de 8,49.

A programación complétase con outras películas proxectadas nestas salas, tamén no CGAC onde se poderán ver obras de Chaplin, Tim Robbins e Robert Stevenson e, por último, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, que se estrea como sede nesta edición coa proxección do documental galego Unitarias, de Jorge Algora.

Direccións relacionadas



Compartir: