PREMIO

Cineuropa dedícalle ao seu público o Premio da Crítica de Galicia á mellor Iniciativa Cultural que recibiu este sábado

07/11/2015 Cineuropa foi recoñecido esta tarde co Premio da Crítica de Galicia no apartado de Iniciativas Culturais na XXXVIII edición destes premios. Recolleu o galardón, no acto celebrado en Vigo, o segundo tenente de alcalde do Concello de Santiago, Jorge Duarte, quen na súa intervención agradeceu e dedicou este premio "a todo o público de Cineuropa, sen o cal non sería posible manter durante case tres décadas este festival". Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago que ofrece cada mes de novembro en Compostela os mellores filmes internacionais premiados en todos os principias festivais de cinema do mundo, ademais de amosar tamén o mellor do panorama audiovisual galego. Precisamente, este venres comezou a súa 29ª edición, que ofrecerá en cinco salas da cidade 302 filmes ata o 29 de novembro.

Jorge Duarte destacou que era unha honra para o Concello de Santiago recoller este premio á mellor iniciativa cultural porque "nós cremos firmemente que as administracións publicas teñen que crear tecido cultural e ser garantes da democratización e acceso á cultura". Duarte afirmou ademais sentirse "especialmente orgullosos de que o premio fose para este festival, que foi sempre fiel aos seus principios, ao cinema comprometido, de autor, independente, de crítica social..." xa que, segundo o tenente de alcalde, "Cineuropa reflicte a realidade de cada momento, non caeu na opción doada das modas e soubo facelo mantendo o interese do público que cada edición enche as súas salas".

De feito foi precisamente a ese público a quen dende o Concello de Santiago lle dedicaron o premio, xa que "sen eles non seria posible manter durante case tres décadas este festival". Duarte tamén quixo deixar patente o seu recoñecemento ás outras candidaturas e rematou agradecéndolle tamén o premio "ao equipo que fai posible o festival cada ano co seu traballo e dedicación", e dando as grazas "á Fundación dos Premios da Crítica e ao xurado por considerar que Cineuropa é merecedor deste premio."

XXXVIII Premios da Crítica de Galicia
Os Premios da Crítica Galicia instituíronse coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Considéranse premiables no apartado de Iniciativas Culturais todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura galega e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2014.

O xurado da sección de Iniciativas Culturais estivo formado por Antón Sobral, secretario; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo; Francisco Porto, xestor cultural, director de Latamuda; Belén Fortes, xestora cultural; Xabier Limia, activista cultural; e Ana Isabel Vázquez, activista cultural.

Compartir: