IGUALDADE

O Concello de Santiago uniuse en Madrid á convocatoria cidadá para reclamar respostas ás violencias machistas

07/11/2015 As concelleiras de Igualdade, Marta Lois, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, xunto con alcaldesas e concelleiras de Barcelona, Badalona e A Coruña déronse cita no Concello de Madrid para reclamar unha resposta ás violencias machistas e sumarse á marcha convocada por organizacións feministas e cidadás.

Tras a recepción no consistorio madrileño, as alcaldesas e concelleiras dirixíronse xuntas ao comezo da Marcha contra as violencias machistas, para unirse a representantes doutras cidades e a todas as persoas participantes.

A Marcha foi convocada por máis de 380 organizacións feministas territoriais e 70 nacionais e a ela sumáronse partidos e sindicatos e diversas entidades en defensa dos Dereitos Humanos. As edilas compostelás foron a Madrid no autobús organizado pola Plataforma Feminista Galega.

Como apoio a esta marcha, dende este venres loce nun dos balcóns do Pazo de Raxoi unha pancarta de repulsa aos crimes machistas nun ano no que 36 mulleres foron asasinadas no conxunto do Estado en mans dos seus maridos, 5 en Galicia.

Compartir: