TURISMO

Os bares e restaurantes de Compostela xa poden inscribirse no "Camiño das Burbullas"

07/11/2015 Os bares e restaurantes de Santiago interesados xa poden inscribirse de xeito gratuíto no "Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos", que se celebrará do 1 de decembro ao 5 de xaneiro. Durante estas semanas, os establecementos participantes servirán a un prezo unificado unha serie de escumosos galegos, tanto por copa como por botella.

O "Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos" naceu no ano 2013 a iniciativa dun grupo de locais de hostalería de Compostela co fin de promocionar os viños escumosos de Galicia no mes de decembro, coincidindo coa época de Nadal. Neste Nadal 2015, dende Turismo de Santiago decidiuse apoiar esta iniciativa do sector en vista do seu interese tanto para a dinamización dos locais como para a promoción da cidade como destino para o turismo enogastronómico.

O "Camiño das Burbullas. Ruta das Escumosos Galegos" pasa así a integrarse dentro do programa complementario da edición de Nadal 2015 de Compostela Gastronómica. O obxectivo é posicionar a Santiago como o lugar para descubrir os escumosos galegos, un sector en auxe con grandes posibilidades de desenvolvemento nos vindeiros anos.

Cada establecemento deberá comprometerse a ofertar, de entre as referencias facilitadas pola organización, un mínimo de catro de escumosos galegos, das cales polo menos tres serán por copa. A marca patrocinadora, Mar de Frades, será referencia obrigatoria para todos os establecementos, en base ao seu apoio a esta acción.

Os prezos de venda ao público, tanto de copa coma de botella, unificaranse para todos os locais. Estes prezos serán fixados pola organización unha vez confirmadas as adegas participantes. A oferta de escumosos deberá figurar na oferta habitual do establecemento como mínimo durante os días de celebración de "Camiño das Burbullas. Ruta dos Escumosos Galegos", exceptuando os días oficiais de peche do establecemento.

A organización establece o número de locais participantes nun máximo de 30. O criterio de admisión será por orde de inscrición. No caso de que a demanda de participantes sexa moi elevada abrirase unha lista de espera, mantendo o criterio de orde de inscrición, en previsión de que algún dos 30 primeiros inscritos non cumpra cos requisitos establecidos. O prazo de inscrición remata o xoves 12 de novembro. O teléfono para máis información é o 981 573 913.

Compartir: