ACCIÓN CULTURAL

"45 years", premio a mellor actriz e actor en Berlín, e "Sunset Song", o novo de Terence Davies, na xornada do sábado 7 de Cineuropa

06/11/2015 A xornada do sábado 7 en Cineuropa ofrece un total de 19 proxeccións, entre as que destacan as dúas películas da Sección Oficial, 45 years e Sunset Song. 45 years, de Andrew Haigh, que poderemos ver ás 19:45 h no Salón Teatro, conta a historia dun matrimonio british que celebra o seu aniversario e os seus segredos e acadou o premio de mellor actriz para Charlotte Rampling e mellor actor para Tom Courtenay na última edición do Festival de Berlín. Sunset Song, que se pasa no Teatro Principal ás 22:00 h, é o novo de Terence Davies, o autor de The Deep Blue Sea, e amosa na pantalla un drama de protagonismo feminino, de raíces fordianas, de loita pola emancipación e por un amor en tempos de guerra.

Ademais, cómpre destacar da xornada os catro filmes de Panorama Internacional: An, de Naomi Kawase e Our Little Sister, de Hirokazu Kore-Eda, ambas presentes no Festival de Cannes, que poderemos ver no Teatro Principal; e El Club, de Pablo Larrain, Oso de Prata-Gran Premio do Xurado en Berlín, e Mountains may depart, de Jia Zhangke, que estivo tamén na sección oficial de Cannes, que se poderán ver no Salón Teatro. Complétase a xornada con varias proxeccións nestas salas e tamén no CGAC e na Sede Afundación de varios filmes de diferentes seccións do festival, ata completar as 19 propostas da xornada.

O director do festival, José Luis Losa, comenta os dous filmes da Sección Oficial que podemos ver nesta xornada:

45 YEARS: Charlotte Rampling e Tom Courtenay (dúas veces candidato ao Óscar por Doutor Zhivago e The Dresser) obtiveron ambos os Osos de Prata pola súa interpretación no Festival de Berlín. As súas composicións dun matrimonio non insensible á fatiga son unha celebración de dous veteranos que condensan a súa sabedoría nunha peza de cámara que se mantén nos lindes da explosión emocional.

SUNSET SONG: Terence Davies viña de ofrecer a obra mestra absoluta The Deep Blue Sea. E durante toda a temporada de festivais esperábase con expectación qué certame estrearía a súa esperada Sunset Song, vista finalmente en San Sebastián. Adaptación dun gran clásico da literatura escocesa, como en The Deep Blue Sea, o eixe do filme de Davies ten como miolo a situación opresiva vivida por unha muller, o debut efervescente de Agyness Deynn, algo así como unha Maureen O’Hara dentro dunha película na cal Davies renuncia aos espazos pechados, ás evocacións proustianas, para ofrecer unha narrativa de raíz clásica, de opulenta beleza fordiana nese traxecto cara aos grandes horizontes da liberdade. E que leva á súa heroína a sobrevivir á brutalidade familiar —o gran Peter Abranden— e ao amor en tempos de guerra nun relato-río que supón unha ruptura do británico coa súa filmografía precedente.

Direccións relacionadas



Compartir: