SAÚDE

A concelleira de Políticas Sociais pide ao xerente do CHUS que axilice os prazos para convocar o Consello de Saúde de Área

06/11/2015 Concha Fernández reuniuse este venres co xerente do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, Luis Verde, ao que lle pediu que axilice os trámites para convocar o Consello de Saúde da Área e que se inclúan os representantes dos pacientes. A concelleira de Políticas Sociais considera prioritario que se garanta a calidade na asistencia aos usuarios do servizo sanitario e os dereitos en materia de saúde.

A concelleira trasladoulle ao xerente a necesidade de coordinar as actuacións en relación ás persoas sen teito da cidade, as cales teñen necesidades de asistencia específicas en materia de saúde. Tamén lle solicitou colaboración para que o programa APEGO, que ten como obxectivos a promoción e normalización do uso do galego, sexa promocionado a través dos centros de saúde de atención primaria do Concello e cheguen ao coñecemento da meirande parte da poboación.

Concha Fernández amosou a súa preocupación pola marcha das obras no novo centro de saúde de Galeras, que permitirá atender a moita poboación do barrio e do casco histórico da cidade. Luis Verde asegurou que as obras estarán finalizadas para o primeiro trimestre do ano 2016 e poderá comezar a funcionar o centro na segunda metade do ano.

Ademais, o xerente do CHUS presentoulle algúns dos programas que están a desenvolver como o caso do "Chanzo a chanzo", na procura da colaboración do Concello na promoción e mellora dos hábitos saudables.

Compartir: