LINGUA

Compostela acolle o próximo 16 de novembro un Encontro de Política Lingüística Municipal para darlle un pulo ao galego

06/11/2015 Compostela acollerá próximo 16 de novembro, un Encontro de Política Lingüística Municipal, impulsado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. A cita ten como obxectivo poñer en común experiencias e proxectos para darlle un pulo ao galego dende as administracións locais.

Na presentación deste encontro, o alcalde compostelán expresou a vontade do Goberno local de reactivar o traballo en prol da lingua. Martiño Noriega lembrou a longa tradición que ten Santiago nesta materia, cun esforzo continuado no campo da normalización dende os tempos do alcalde Xerardo Estévez.

O Encontro de Política Lingüística Municipal pretende actualizar o entusiasmo e o discurso a prol da lingua galega emitido e difundido dende os concellos, activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia. Tamén se quere reforzar a colaboración e o traballo en rede neste eido, e desenvolver e ampliar a participación en proxectos dinamizadores colectivos.

Programa
O encontro vaise desenvolver no Auditorio de Galicia o luns 16 de novembro. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, será o encargado de inauguralo, xunto co presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, Nel Vidal Barral. Despois das súas intervencións, celebrarase unha primeira mesa de debate, conducida pola xornalista Fernanda Tabarés, na que teñen confirmada a súa participación o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña.

O Encontro de Política Lingüística Municipal completarase coas intervencións dos técnicos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Ourense, Pontevedra e Compostela, que porán sobre a mesa algúns proxectos colaborativos para o fomento do galego. En concreto, presentarán iniciativas relacionadas cos clubs de debate, para a socialización da infancia en galego e para o fomento de youtubers na nosa lingua.

No foro están convidados a participar alcaldes, concelleiros, representantes políticos de diferentes administracións, técnicos de normalización e membros de entidades implicadas no proceso de normalización da lingua. A confirmación de asistencia pode facerse a través do enderezo electrónico info@ctnl.gal.

Documentos relacionados



Compartir: