XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba un proxecto de mellora dos accesos ao río Sarela dende Vista Alegre e O Romaño

06/11/2015 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste venres, aprobou o proxecto de mellora do acceso ao río Sarela dende o barrio de Vista Alegre – O Romaño. A intervención realizarase en dúas fases independentes e conta cun orzamento de 46.077 euros. Este é un proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte.

Esta actuación afecta ás rúas lindeiras co río Sarela, actualmente deterioradas, co gallo de comunicalas coa senda peonil que percorre a rúa Galeras e a zona do Carme, mantendo o patrimonio alí construído. Trátase de mellorar e acondicionar o antigo Camiño de Bergantiños, no tramo comprendido entre a intersección da rúa do Avío de Abaixo coa rúa Torreira e coa Ponte dos Tres Ollos.

A intervención respectará ao máximo o entorno natural, acondicionando unha senda peonil con pavimentación en terra e grava e con vexetación. Partirase dunha anchura reducida ao bordo do río para pouco a pouco ir gañando anchura ata desembocar na rúa do Avío, onde se habilitará un espazo de transición entre a senda peonil e a actual rúa do Avío mediante zonas de pavimentación máis dura e a colocación de elementos de estancia e sinaléctica.

Colocaranse tamén elementos como unha fonte ou bancos, para enriquecer o tránsito polo camiño. O proxecto inclúe igualmente a mellora do camiño asfaltado que, dende a rúa Torreira, dá acceso á fábrica de curtidos.

Corredor Verde
Seguindo co Urbana Santiago Norte, a Xunta de Goberno tamén autorizou o reinicio dos traballos e o inicio de trámites para proceder á recepción das obras incluídas no proxecto de Corredor Verde Bonaval – Almáciga (Fase II: Vía Verde).

Carretas
Outro dos acordos do Goberno local foi a validación das actuacións realizadas ata o momento na rúa Carretas, onde seguen as obras de reurbanización. Procédese a emendar os defectos formais observados e amplíase o prazo de execución dos traballos ata o 27 de novembro de 2015.

Convenio coa Sala Capitol
En materia de Acción Cultural, aprobouse o convenio a subscribir polo Concello coa Sala Capitol, que supón unha achega municipal de 9.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: