ACCIÓN CULTURAL

Estrea do documental "Frankenstein-04155" o 18 de novembro en Cineuropa

01/11/2015 "Demoledor", "Descomunal", "Un exemplo de liberdade" son só algúns dos cualificativos recibidos por Frankenstein-04155. O filme documental, dirixido polo ourensán Aitor Rei e producido por Boneca Lareta, conta coa colaboración da Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e recibiu financiamento a través de achegas de particulares mediante unha plataforma de "crowdfunding". Tras recibir unha mención especial na Seminci de Valladolid, a película poderá verse en Cineuropa o 18 de novembro.

O 24 de Xullo de 2013, o tren Alvia 04155 descarrilaba á entrada de Santiago de Compostela, cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. Dous anos despois, o xuíz Andrés Lago Louro pecha a instrución do caso co maquinista como único responsable. Tras un longo proceso de investigación e documentación, e de presións que dificultaron a produción, sae á luz o documental de Aitor Rei, que indaga nas múltiples variables que influíron no fatal accidente; denuncia outras posibles neglixencias e o abandono político dos ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, e ofrece novos datos que serán utilizados polas propias vítimas en futuros recursos xudiciais.

A película proxectouse durante esta 60ª edición da Seminci de Valladolid con grande éxito de público, entre cuxos asistentes se atopaban sobreviventes e familiares das vítimas. Este sábado recibía a Mención Especial na categoría "Doc. España".

Tras a estrea na pasada edición de Angrois, no esquecemento, de Susana S. Recouso e Emilio Carral, Cineuropa pretende con esta proxección seguir dando voz a unha traxedia que non se debe esquecer.

Compartir: