POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello traballa con outras entidades nunha campaña de sensibilización da problemática dos refuxiados e migrantes

01/11/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, convocou por segunda vez a mesa de traballo de persoas refuxiadas, que se volveu reunir para coordinar vindeiras actuacións. Na Mesa participaron as 13 entidades que se citaran na primeira xuntanza.

Nesta segunda mesa de traballo de refuxiados, o Concello e as entidades reivindicaron un papel máis proactivo por parte dos gobernos estatal e europeo á hora do acollemento de persoas refuxiadas. Concha Fernández entende que "o Goberno non está a altura dos dereitos das persoas refuxiadas" e volveu chamar a atención "de que a Unión Europea tome medidas ante a situación dramática que se vive", ao mesmo tempo que instou a que se respecten os dereitos humanos e se "deixe de poñer muros e seleccionar as persoas".

Campaña de sensibilización
Na mesa de traballo continuouse a preparar a chegada de persoas refuxiadas e falouse tamén da convivencia necesaria das persoas migrantes. Dende o grupo de traballo achegouse unha proposta completa de sensibilización para a cidadanía sobre a problemática das persoas inmigrantes e refuxiadas, como forma de romper estereotipos e prexuízos, e como forma de prever posibles conflitos sociais.

A campaña traballarase en toda a cidade, pero sobre todo na rúa durante os meses de novembro e decembro nos centros socioculturais, noutras instalacións municipais e en colexios.

Ademais, puxéronse sobre as mesas os datos que se están a recoller para a construción dun catálogo de recursos e servizos que pediu a FEMP e a FEGAMP.

Compartir: