EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Manolo Dios quere impulsar un Proxecto Educativo de Cidade participado por profesores e educadores

29/09/2015 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, convocou esta mañá aos voceiros dos grupos municipais para trasladarlle o Proxecto Educativo de Cidade (PECi) que quere impulsar dende o Departamento de Educación neste curso 2015-2016.

A idea é que estea participado polos axentes educativos e que os grupos da oposición poidan tamén achegar ideas a un borrador no que comezou a traballar un grupo de profesores da Facultade de Educación. O obxectivo é crear un Proxecto de Cidade, que estea rematado a finais deste curso académico, sustentado en tres piares: a participación cidadá, a transversalidade e a proximidade.

O proxecto que se quere impulsar na cidade pasa por un modelo de educación democrático, participativo, laico, galego, universal e gratuíto que forme cidadanía activa e crítica. Teranse en conta ademais outros espazos relacionados coa educación como as familias, as entidades de lecer e tempo libre, ONG’s, bibliotecas...

O Proxecto Educativo de Cidade (PECi) terá que contemplar ademais a realidade de Compostela para que estea adaptado á cidade e na súa elaboración tamén se contará cos órganos xestores do proxecto, o propio Pleno municipal, consellos escolares, ANPAS, sindicatos e outros órganos da comunidade educativa.

Na reunión cos voceiros, o concelleiro de Educación tamén lle trasladou aos grupos a necesidade de que cada un elixira un representante para os consellos escolares, unha cuestión que tamén se levará a Pleno municipal.

Compartir: