CONVIVENCIA

Comezan os contactos para modificar a Ordenanza Reguladora de Actividades, Instalacións e Uso da Vía Pública

29/09/2015 O Goberno local vén de poñer en marcha a maquinaria para modificar a Ordenanza Reguladora de Actividades, Instalacións e Usos da Vía Pública. Así se acordara por unanimidade no Pleno ordinario do mes de setembro, co obxectivo de "garantir os dereitos fundamentais de colectivos e entidades que organicen actividades na cidade de Santiago, tanto no relativo a facilitar a conexión eléctrica nos eventos, na regulación e devolución urxente de fianzas e garantías económicas depositadas e noutros aspectos que na norma actual manteñen arbitrariedade á hora de conceder ou non autorizacións municipais".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia reuniuse esta mañá cos voceiros dos grupos da oposición para empezar a consensuar as modificacións da normativa, aprobada no ano 2012. A intención de Xan Duro é corrixir os aspectos máis criticados da ordenanza, relacionados co cobro de fianzas a entidades sen ánimo de lucro para celebrar actos na vía pública e coa prohibición aos nenos de xogar na rúa, fóra dos espazos expresamente habilitados para iso.

Modificación do artigo 114
O artigo 114 da actual Ordenanza Reguladora de Actividades, Instalacións e Usos da Vía Pública sinala que "nas vías, rúas e prazas de uso público non poderán practicarse xogos ou diversións que poidan representar unha molestia ou perigo para outras persoas ou para os que as practican, así como para o tráfico rodado, salvo nas zonas especificamente habilitadas para este uso". A proposta do concelleiro Xan Duro pasa por substituír esa redacción por "as vías, rúas e prazas son os espazos públicos compartidos polo conxunto dos veciños; polo tanto poderán practicarse xogos sempre que non representen unha molestia ou perigo".

No tocante ao cobro de fianzas ás entidades que celebren actos na vía pública, a intención do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia é establecer un baremo en función do espazo e da ocupación, e definir unha serie de exencións ou bonificacións, dependendo de se son sen ánimo de lucro.

Compartir: