DEPORTE

A XIV Camiñada ao Pedroso recadará fondos un ano máis a prol de Uniceff

29/09/2015 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou a XIV Camiñada ao Pedroso, que se celebrará este domingo 4 de outubro a partir das 10:00 horas. Estivo acompañada de Iñaki Bilbao, presidente da sección de Montaña do Club Deportivo Fontiñas, organizador da proba, e de Eva Tejo, responsable de Alianzas Corporativas en Galicia de Uniceff, organización a cuxos programas irá destinada toda a recadación por quinta edición consecutiva.

Esta camiñada solidaria a prol de Uniceff cambia este ano o seu percorrido. Iniciarase como é habitual na praza do Obradoiro, peor para percorrer esta vez Rodrigo de Padrón, Alameda e o Paseo dos Leóns, o Campus Sur, a Carballeira de San Lourenzo, un tramo do Camiño a Fisterra, Bar de Arriba, a Selva Negra, o outeiro da área recreativa do Pedroso, o outeiro da Mahía no Pedroso e o cumio do Pedroso, para logo descender polo seu Via Crucis ata rematar na Granxa do Xesto.

O prazo de inscrición está aberto ata o venres 2 de outubro na sede de Uniceff Comité Galicia en Santiago de Compostela (Carreira do Conde 2) e o propio dia da camiñada na propia praza do Obradoiro. A inscrición ten un custo de 5 euros e os menores de idade deberán ir acompañados.

Uniceff
Todos os fondos recadados destinaranse aos programas de Uniceff, organización que promove os dereitos e o benestar de tódolos nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos seus aliados, traballa en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os seus esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.

Compartir: