POLÍTICAS SOCIAIS E DEPORTE

Santiago de Compostela acolle este domingo unha masterclass solidaria de zumba a beneficio dos refuxiados

29/09/2015 O domingo 4 de outubro, ás 11:00 horas, o Palacio de Congresos e Exposicións acolle unha masterclass de zumba a beneficio de Médicos sen Fronteiras. Santiago de Compostela forma así parte dun grupo de cidades que organizarán este tipo de evento entre o 4 e o 11 de outubro para axudar aos refuxiados.

Os detalles desta masterclass solidaria de zumba foron ofrecidos en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e de Deportes, Noa Morales, acompañadas da organizadora, Elena Escrich; da responsable de Médicos sen Fronteiras no Norte de España, María Díaz, e dunha representante do Palacio de Congresos. Todas elas coincidiron en animar a todos e todas a participar neste evento, que conducirán 18 instrutores voluntarios de Santiago e doutras partes de Galicia.

Para asistir ao evento deberá realizarse unha doazón de 5 euros, se ben a achega pode ser maior se así se desexa. Os menores ata 12 anos poderán facer unha doazón voluntaria. Ademais, non é necesario participar para facer unha doazón, sempre benvida. Hai alternativas para realizar estas achegas mediante transferencia ou mesmo con pago on line con tarxeta.

Os que se acheguen ata o Palacio de Congresos tamén poderán colaborar mercando as rifas que, a prezo dun euro, se venderán durante o evento. Estes boletos darán opción a participar no sorteo de diversos agasallos cedidos por patrocinadores.

Toda a información sobre este evento pode consultarse na súa páxina de Faceboook.

Compartir: