POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago comprométese coa asociación 7 Cores a poñer en marcha medidas contra a LGTBI fobia

28/09/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, reuniuse esta mañá co coordinador da asociación 7 Cores, Gonzalo Diz, para poñer en marcha medidas contra a LGTBI fobia aprobadas no Pleno municipal.

Nesta xuntanza tratouse de coordinar a posta en marcha das medidas a desenvolver polo Concello de Santiago para a normalización, visibilización e integración plena das persoas LGTBI en Santiago de Compostela, con especial atención á educación e na loita contra o acoso escolar por homofobia.

Fixouse como prioridade o desenvolvemento de accións dirixidas a adolescentes, mozas e mozos para previr a exclusión e as conductas LGTBI fóbicas así como formación especial a educadores. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, asegurou que "no primeiro trimestre de 2016 estarán en marcha distintas actividades nos centros educativos de Santiago", medidas que se levarán a cabo no primeiro semestre do ano.

Ademais da loita contra o acoso escolar, fixáronse como prioritarias, accións para o Dia Mundial contra a LGTBI fobia a celebrar o 17 de maio e campañas destinadas a previr o contaxio por VIH e concienciar contra o estigma que aínda padecen os portadores deste virus.

Compartir: