ACCIÓN CULTURAL

Roderick Williams e Roger Vignoles clausuran o XVI Ciclo de Lied

28/09/2015 A XVI edición do Ciclo de Lied chega ese martes 29 de setembro ao seu fin. Faino cun concerto no que poderemos escoitar ao barítono británico Roderick Williams, acompañado ao piano por Roger Vignoles, codirector artístico do ciclo. Será no Teatro Principal a partir das 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 8 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 h, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

O título do Ciclo de Lied 2015, Amor e devoción", está inspirado no programa no que Roger Vignoles e o barítono Roderick Williams exploran as temáticas xemelgas do amor sacro e terreal. Algunhas veces, os dous amores son separados e distinguidos, como no caso do conxunto de cancións sacras de Hugo Wolf, principalmente as compostas a partir de antigos poemas españois no seu Spanisches Liederbuch (Cancioneiro español), e nos Vier ernste Gesänge (Catro cantos serios) de Johannes Brahms, co que o programa de Roderick Williams, e o ciclo deste ano, finalizan.

A divindade do amor terreal e humano é unha referencia constante nas cancións do Don Quijote de Maurice Ravel, no Italienisches Liederbuch (Cancioneiro italiano) de Wolf e nas cancións de Brahms seleccionadas para este recital.

Compartir: