ALCALDÍA

Os alcaldes de Santiago e Vedra abordan os problemas en común dos seus concellos

28/09/2015 Seguindo coa ronda de contactos que vén mantendo cos alcaldes da comarca, Martiño Noriega recibiu hoxe no Pazo de Raxoi ao rexedor de Vedra, Carlos Martínez.

Os dous alcaldes puxeron en común algúns problemas que lles afectan aos dous municipios. Un deles ten que ver cos servizos de emerxencias, un asunto que lle preocupa especialmente ao concello de Vedra dende que fora desmantelada a base de emerxencias de Boqueixón que lle daba servizo á localidade. Carlos Martínez expresoulle ao alcalde compostelán a súa vontade de buscar solucións dentro do ámbito comarcal, unha vontade que xa lle teñen manifestado a Martiño Noriega outros rexedores da área de Santiago.

Na reunión desta mañá, os alcaldes de Compostela e Vedra falaron tamén da municipalización de determinados servizos, nomeadamente do da auga. Esta é tamén unha preocupación común que Martiño Noriega xa ten abordado en reunións previas cos alcaldes de Ames, Teo, Oroso e Brión.

Compartir: