ALCALDÍA

O Concello de Santiago e a Mesa pola Normalización Lingüística recuperan a normalidade nas súas relacións

28/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Do encontro saíu o compromiso de normalizar a relación entre o Concello e esta plataforma.

A xuntanza foi unha primeira toma de contacto para "empezar a normalizar o que xa de por si debería estar normalizado, como é unha relación fluída entre a capital do país e unha institución como a Mesa que leva anos batallando pola normalización do idioma", indicou Martiño Noriega. Así o referendou Marcos Maceira, lembrando que esta era a "primeira reunión da Mesa co Concello dende hai moitos anos"

Tanto o alcalde coma o presidente da Mesa coincidiron en resaltar o papel pioneiro xogado no seu día polo Concello de Santiago na defensa e recuperación da lingua en diferentes espazos. Neste sentido, un dos compromisos do Goberno local é reactivar o Plan Municipal de Normalización Lingüística.

Martiño Noriega reiterou a disposición e "colaborar, retomar a relación e apoiar actividades" e, en definitiva, a "ser facilitadores do que debe ser algo normalizado como a defensa do noso idioma". Do mesmo xeito, recoñeceu o labor de fiscalización que a Mesa pode realizar respecto a eses compromisos.

Compartir: