MEDIO AMBIENTE

Santiago, Ames e Teo dialogan con AEOPAS sobre sobre o Pacto Social pola Auga

22/09/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recibiu esta tarde no Pazo de Raxoi a Luis Babiano, xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS). Na reunión tamén participaron a tenente de alcalde e concelleira de Economía e Facenda, María Rozas; o alcalde de Teo, Rafael Sisto; o alcalde de Ames, José M. Miñones; e as concelleiras de Economía e Facenda e de Medio Ambiente e Desenvolvemento deste último municipio, Gema Otero e Catuxa García. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pasou a saudar os participantes na xuntanza.

AEOPAS está integrada por máis de 30 operadores de auga e numerosas organizacións sociais e sindicais, e naceu para facerlle fronte aos lobbies que fomentan e impulsan os procesos de privatización dos ciclos da auga. Xan Duro e Luis Babiano falaron do Pacto Social pola Auga (#iniciativagua2015), que AEOPAS impulsa para que a sociedade civil acorde as regras básicas do modelo público da xestión da auga: transparencia, rendición de contas e participación social, co obxectivo final da sostenibilidade económica, social e ambiental.

O Pacto, ao que podería sumarse Compostela, conta xa co respaldo de máis de 300 organizacións sociais, ecoloxistas, académicas e sindicais, así como operadores de auga e saneamento de distintos municipios, que coinciden en que a xestión e o tratamento da auga deben ser considerados un servizo de acceso universal, participado e vinculado aos dereitos humanos.

Aposta por un servizo 100% público
O Pacto Social pola Auga que impulsa AEOPAS aposta por un servizo da auga 100% público, dende o convencemento de que este modelo de xestión pode xerar empregos de calidade. Ademais, a remunicipalización do servizo garante o acceso a un ben que é considerado un dereito, cunha dotación mínima de entre 60 e 100 litros por persoa e día, mesmo en caso de falta de pago.

A #iniciativagua2015 xa se presentou en Cataluña, País Vasco, Castela-A Mancha, diversas cidades de Andalucía, Avilés ou Xixón. A intención de AEOPAS é que os plenos dos Concellos aproben mocións apoiando o Pacto Social da Auga, como único modelo de xestión democrática deste ben.

Aumento dos cortes de auga por falta de pagamento
Segundo AEOPAS, a mercantilización da auga está a ter graves consecuencias nestes momentos de crise, xa que están a aumentar os cortes por falta de pago. Un estudo elaborado pola Asociación fala de que cada ano se tramitan en España 500.000 avisos de corte, un 30% máis que hai catro anos. Deles, chéganse a executar uns 300.000. Aínda que non hai datos oficiais sobre estes desafiuzamentos hídricos, estímase que no último ano recibiron un aviso deste tipo uns 970.000 fogares no Estado.

Compartir: