ACCIÓN CULTURAL

A intriga de Agatha Christie chega este venres a Compostela da man de "10 Negritos"

21/09/2015 A intriga de Agatha Christie chegará este venres día 25 a Compostela da man do clásico da escritora 10 Negritos, logo de estar durante dúas temporadas con éxito de crítica e público nas carteleiras madrileñas. Será ás 20:30 horas, no Auditorio Abanca, e dentro do ciclo Teatro 2015, da Concellaría de Acción Cultural.

10 Negritos é un dos clásicos do xénero policial máis coñecidos e solicitados polo espectador de Agatha Christie. Presente en todas as grandes carteleiras teatrais do mundo, trátase da única peza teatral que escribiu, a partir da súa propia novela. Os autores da posta en escena recoñecen a inspiración e a influencia da serie televisiva Mad Men para poñer en pé esta intriga que segue a espertar o interese xeración tras xeración. Dez personaxes pechados nunha illa e ata o final non saberemos se son vítimas ou asasinos.

And then there where none (E non quedou ningún), novela na que se basea esta peza teatral, foi escrita en 1939 e bateu marcas de espectadores e lectores: 100 millóns de exemplares vendidos, a novela de misterio máis vendida da historia, un dos 10 libros máis vendidos de todos os tempos… son algunhas das referencias que se poden atopar. 10 Negritos estreouse en España en tan só catro ocasións ao longo dos 70 anos transcorridos dende a súa estrea en Londres.

As entradas teñen un prezo de 24 € no patio de butacas A e anfiteatro 1; 22 € no patio de butacas B e 20 € no anfiteatro 2. Poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443 e, o propio día do evento, no despacho de billetes do Auditorio Abanca, dende as 18:30 horas.

Compartir: