POLÍTICAS SOCIAIS

Constituída a Mesa de Traballo para estudar a situación das persoas sen teito na cidade

21/09/2015 Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, reuniuse está mañá con 13 entidades da cidade (Rede Galega contra a Pobreza, Cáritas, FEAFES Galicia, Cruz Vermella, Albergue Xoán XXIII, Cociña Económica, Policía Local e Protección Civil, UMAD, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, Colexio de Traballo Social de Galicia, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Unidade de Traballo Social do CHUS, Persoal Técnico doDdepartamento de Políticas Sociais) para analizar de forma conxunta a situación das persoas sen teito e os recursos cos que conta, tanto o Concello de Santiago, como o resto de entidades.

Na xuntanza púxose de manifesto que a situación das persoas sen teito é "diversa e complexa", o que ten como consecuencia que a abordaxe das necesidades se faga de forma específica e acorde ás características de cada situación. Nesta reunión fíxose unha primeira toma de contacto para analizar as necesidades e posibilidades de coordinación para atender, da forma máis adecuada, as necesidades de cada persoa e priorizar as actuacións. Entre as propostas deste primeiro encontro, propúxose crear un rexistro de persoas sen teito e identificar características e necesidades.

Concretouse unha segunda xuntanza para o vindeiro 21 de outubro coas entidades que participaron desta primeira reunión e continuar co traballo de coordinación e proposta de primeiras actuacións antes de comezar o inverno.

Compartir: