ALCALDÍA

Compostela Solidaria entregaralle ao Concello os 6.000 euros recadados nun concerto solidario para os comedores escolares

21/09/2015 O alcalde de Santiago recibiu esta mañá á directiva da asociación Compostela Solidaria, presidida por Luis Rivero de Aguilar. O colectivo, integrado por unha trintena de xubilados e xubiladas, púxose a disposición de Martiño Noriega para colaborar nas iniciativas de carácter social que se consideren oportunas dende o Concello. Máis en concreto, Compostela Solidaria amosou o seu interese en participar nas actuacións que poña en marcha o Goberno local para o acollemento de refuxiados.

Compostela Solidaria informou ao alcalde da súa intención de facerlle entrega ao Concello dos 6.000 euros que recadou nun concerto solidario celebrado no pasado mes de abril en favor dos comedores escolares. Martiño Noriega explicou que será Intervención quen decida como se canaliza esa axuda, e lembrou que o Goberno local vén de incrementar nun 30% a partida para os comedores escolares, para lle dar cabida a todos os cativos que cumpren os requisitos para acceder a esas bolsas. Deste xeito, a contía pasou dos 130.000 aos 169.000 euros.

A directiva de Compostela Solidaria tamén informou ao alcalde do festival de danza que está organizando para o vindeiro 9 de outubro, e que irá en beneficio do Albergue de San Francisco.

Compartir: